Arrinca a prospección no río para determinar a presenza de mexillóns, previo paso á instalación das ramplas na zona de baño
Os traballos comezaban hoxe, toda vez que se obtivo o permiso da Xunta para realizalos e o nivel do río alcanzou o nivel óptimo para levar a cabo o estudo.
Simultaneamente o Concello, que xa dispón do material necesario, foi avanzando tamén na posta a punto dos vestiarios e aseos e na contratación de persoal de salvamento.
A alcaldesa acadou o compromiso de Patrimonio Natural de obter a autorización inmediata unha vez comprobado que as estruturas non provocan afección ambiental.
- Tema
- Benestar social,
- Natación,
- Desenvolvemento local,
- Medio ambiente,
- Auga

O Concello de Lugo iniciou hoxe as prospeccións no Miño, á altura da zona de baño proxectada na que o Executivo de Paula Alvarellos quere habilitar este ano dous puntos de acceso ao río, o que supón o paso previo á autorización de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia para a instalación das ramplas.
Os traballos arrincaron esta mañá, toda vez que se obtivo o permiso da Xunta para realizalos e o nivel do río alcanzou o nivel óptimo para levar a cabo o estudo.
A propia alcaldesa sinalou que “hai unhas dúas semanas, nunha reunión con técnicos de Patrimonio Natural, logramos o compromiso da súa directora xeral de que a autorización da Xunta de Galicia será inmediata unha vez se determine a afección ambiental destas pasarelas en función da densidade das colonias de mexillón que se atopen”.
Estas prospeccións se producen, ademais, unha vez que rematou o prazo de presentación de alegacións ao proxecto, sen que neste período a Confederación Hidrogáfica Miño-Sil recibira ningunha.
“Dende a área de Transición Ecolóxica traballamos de xeito simultáneo para avanzar e ter todo a punto de cara á inminente apertura da zona de baño, unha vez dispoñamos do permiso para a instalación das dúas ramplas, tendo en conta que a contorna xa está dotada de mobiliario urbano e parque infantil e contamos, tamén, con vestiarios e aseos, alén de estar tramitando a contratación de persoal de salvamento”, sinalou Paula Alvarellos.
Igualmente, a rexedora explicou que “de cara a un traballo conxunto coas tres administracións implicadas, na citada reunión con Patrimonio Natural, sentamos as bases para seguir traballando da man na creación dunha zona de baño estable no concello de Lugo”.
Darlle solución á praia fluvial foi unha das primeiras medidas adoptadas por Paula Alvarellos dende a súa chegada á Alcaldía, “co obxectivo de que xa neste 2024 as e os lucenses poidan ter un acceso cómodo ao río, sen renunciar, iso si, a que nosa cidade conte con esa zona de baño definitiva. E nesa meta acadamos o compromiso de colaboración da Xunta”, abondou.
Alvarellos Fondo insiste en que “esperamos que trala prospección se autorice canto antes a colocación das estruturas, para o que coidaremos ao máximo non danar o leito do Miño, ancorándoas fóra do mesmo xa que irán suxeitas á beira do río”.
As ramplas, que se manterán habilitadas ata mediados de setembro, son de PVC, un material máis resistente que a madeira e que evita lesións por estelas, ademais de ser antiescorregadizo. Así mesmo, contarán con varandas unidas con cordas náuticas de nylon marítimo e cun sistema de amarre de seguridade para a poboación.
