Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Arrinca o programa de conferencias escolares Arqueoloxía na Escola

Arrinca o programa de conferencias escolares Arqueoloxía na Escola

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación, que dirixe María Dolores Vieiro, dará comezo mañá, venres, unha nova edición do programa Arqueoloxía na Escola, que tivo a súa orixe hai dous anos.

Neste programa participarán preto de 250 rapaces do último ciclo de Primaria de nove centros públicos de Lugo. Foron estes centros os que se sumaron a esta iniciativa, que foi presentada e ofertada a todos os colexios públicos do termo municipal.

O programa desenvolverase todos os venres a partir de mañá e sempre co mesmo horario, de 12:45 a 13:45 horas.

Con este programa preténdese dar a coñecer o pasado romano a través dos restos arqueolóxicos que se foron atopando nos últimos anos, abordando temas como o mapa histórico e xeográfico, o abastecemento de auga da cidade, infraestruturas viarias, a casa romana, as termas, a industria e o comercio e, por suposto, a muralla.

Estas conferencias estarán a cargo dos tres arqueólogos municipais, que se irán turnando nos diferentes centros. Todo isto irá precedido dunha introducción onde se explicará a chegada dos romanos a Lugo.

Esta primeira conferencia do ciclo actual será presentada mañá polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, María Dolores Vieiro, e estará a cargo de Covadonga Carreño.

Os membros do equipo de goberno explicarán o fundamento deste proxecto e a súa finalidade educativa. Esta primeira ponencia terá lugar no Salón de Actos do colexio da Ponte.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/arrinca-o-programa-de-conferencias-escolares-arqueoloxia-na-escola