Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Xuventude propón para este Nadal sesións de escalada, monólogos, sendeirismo e dous grandes concertos musicais

A área de Xuventude propón para este Nadal sesións de escalada, monólogos, sendeirismo e dous grandes concertos musicais

Mauricio Repetto presentou a programación para a mocidade que se desenvolverá dende hoxe e até o 8 de xaneiro.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Xuventude,
    • Asesoramento á mocidade,
    • Programas xuvenís
Sábado, 11 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Xuventude propón para este Nadal sesións de escalada, monólogos, sendeirismo e dous grandes concertos musicais

Escalada, masterclass de nutrición, monólogos e mesmo viaxes á neve, son algunhas das propostas que o Executivo de Lara Méndez, a través da área de Xuventude, achega á mocidade lucense para dinamizar este Nadal.

O concelleiro Mauricio Repetto, vén de presentar a programación que, durante as seguintes semanas encherá de actividade a cidade e de diversión as vacacións dos máis novos/as.

“Tanto nesta xornada como na do seguinte sábado, 18 de decembro, convidamos á rapazada a desfrutar con senllas camiñadas por Taramundi (Asturias) – na Ruta da Auga – e polos Ancares, en Belén de Cumio coa subida ao Pico 3 Bispos. Pero tamén temos previsto ofrecer o vindeiro martes, 14, unha Masterclass de nutrición para achegarlles recetas saudables para estas festas”, explicou o edil quen, así mesmo, anunciou unha próxima viaxe a Cabeza de Manzaneda, nun roteiro con raquetas de neve, “cando o tempo así o permita”.

Mauricio Repetto referiu alén, como principais novidades deste 2001, unha sesión de escalada no Rocódromo, prevista para o xoves 23, así como un espectáculo de monólogos que, baixo o nome Lugo coa Comedia chegará aos Códex Cinema o venres 17, ás 21:00 horas, da man de Oswaldo Digon, Lois Pérez e Malala Ricoy. As entradas poderán retirarse a través da páxina web https://www.reservaentradas.com [1]

“Nestas datas tan sinaladas queremos que os mozos e mozas lucenses aproveiten o seu tempo de lecer con propostas alternativas que promovan a práctica do deporte e o coidado da saúde, que combinen un aspecto lúdico e didáctico e que propicien a socialización en espazos seguros, por iso, ofreceremos igualmente dous grandes concertos, un o día 22 cos Dj’s Xavibo e Marc Seguí, no Parking do Seminario, de 18:00 a 20:00 horas, (venda de pases en https://entradaslugo.es/ [2]) e o Ciclo Colusión que se celebrará o sábado 8 de xaneiro na Casa da Música, entre as 19:30 e as 22:30 horas, coas actuacións de CRNDS, Inma Veiga, Grima e Raquel Álvarez. Un evento co que poremos colofón á programación deste Nadal 2021 á que convidamos a asistir e participar a toda a cidadanía”, concluíu o responsable de Xuventude.

As persoas interesadas en apuntarse poden inscribirse na Casa da Xuventude en http://formulario.xuventudelugo.gal/ [3] ou a través do teléfono 982.29.74.44.

Audio

  • O edil Mauricio Repetto, sobre a Programación de Nadal | Descargar mp3 [4]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-xuventude-propon-para-este-nadal-sesions-de-escalada-monologos-sendeirismo-e-dous

Ligazóns:
[1] https://www.reservaentradas.com
[2] https://entradaslugo.es/
[3] http://formulario.xuventudelugo.gal/
[4] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/111221_mauricio_repetto_-_programacion_nadal.mp3