Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Participación do Concello de Lugo celebra a Semana Internacional dos Arquivos

A área de Participación do Concello de Lugo celebra a Semana Internacional dos Arquivos

Dende o 3 ao 9 de xuño celébranse unhas xornadas para celebrar a creación pola UNESCO do Consello Internacional de Arquivos.

Cristina López: “Son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos, constituíndo a pegada dos nosos devanceiros e a testemuña das súas accións ao longo do tempo”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Cultura e Turismo,
    • Bibliotecas e arquivos,
    • Museos e exposicións,
    • Educación,
    • Arquivo
Mércores, 05 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Participación do Concello de Lugo celebra a Semana Internacional dos Arquivos

A área de Participación do Concello de Lugo organiza dende o 3 ao 9 de xuño unhas xornadas para celebrar o aniversario da creación do Consello Internacional de Arquivos pola UNESCO, datada no 9 de xuño de 1948. Segundo a concelleira responsable, Cristina López, a principal finalidade para levalo adiante foi “promover a xestión e o uso eficiente e eficaz de documentos, arquivos e datos en todos os formatos e a súa preservación como patrimonio cultural e testemuñal da humanidade, a través da cooperación internacional, para compartir experiencias e investigacións”.

Por iso, dende o ano 2007, a data elixida para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos é o 9 de xuño. Cristina López explicou que esta celebración “prolóngase dende hai algúns anos durante toda unha semana na que as e os arquivistas aproveitan para pór en valor o seu labor e o fundamental que resulta para a cidadanía”.

A concelleira de Participación insistiu en que os arquivos “son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos”, polo que a documentación que as persoas profesionais custodian non só serve de mostra de transparencia e do acceso á información, senón que tamén constitúe a pegada dos nosos devanceiros, a testemuña das súas accións ao longo do tempo, remarcou López.

Cristina López tamén destacou a importancia do Arquivo Municipal de Lugo, que custodia, trata e serve a documentación producida e/ou recibida polo Concello de Lugo ao longo do tempo, durante todo o seu ciclo de vida. “Trátase dun rico fondo documental que arranca no século XIV e que actualmente está custodiado en dous arquivos distintos, xa que a parte máis histórica se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo en depósito mentres que a máis contemporánea se ubica no propio Arquivo Municipal”, concluíu a edil.

Información sobre o Arquivo Municipal de Lugo

Na web do Arquivo Municipal de Lugo [https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/arquivo-municipal [1]] está dispoñible a información sobre as series documentais máis importantes do fondo documental do Concello de Lugo, os servizos que o Arquivo presta á cidadanía e as formas de acceso á documentación.

Audio

  • A edil de Participación, Cristina López, sobre a Semana dos Arquivos | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-participacion-do-concello-de-lugo-celebra-semana-internacional-dos-arquivos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/arquivo-municipal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20240605_cristina_loepz_semana_arquivos.mp3