Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Novas Tecnoloxías acomete melloras no CEMIT por valor de 8.452€

A área de Novas Tecnoloxías acomete melloras no CEMIT por valor de 8.452€

Os traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, consisten na reparación de varias filtracións que padece o edificio

  • Tema
    • Novas tecnoloxías
Xoves, 24 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Novas Tecnoloxías acomete melloras no CEMIT por valor de 8.452€

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, daba conta esta mañá das obras de mellora que estes días se acometen no Centro para a Modernización Tecnolóxica, sito en Lamas de Prado, no que se están a reparar varias filtracións de auga detectadas no edificio.

“En concreto, trátase da fronte que dá a Juana la Loca onde é preciso picar o sollado de formigón que se atopa afectado polo asentamento do terreo, aínda que en tódalas caras do inmoble procederase a selar as xuntas de dilatación para evitar que se reproduzan problemas similares. Ademais nas paredes orientadas á praza do Castiñeiro haberá que levantar parte do chan de granito e retirar algunhas das pezas do pavimento, sendo necesario colocar material hidrófugo baixo a beirarrúa e tamén de xeito solapado coa fachada. É precisamente o deficiente estado de conservación do parámetro exterior co firme o que está a ocasionar o deterioro do CEMIT”, explicou Lara Méndez.

Os traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, están orzamentados en 8.452’43€ (IVE incluido) e terán repercusión tanto no aspecto estético da construción como na confortabilidade do centro.

“Entre outras tarefas levarase a cabo tamén o acondicionamento das escaleiras de madeira que dan acceso á planta baixa, que serán lixadas e vernizadas ao igual que o resto de panelados de carpintaría e se repasarán e pintarán as humidades para subsanar as deficiencias que padecía o inmoble e así atallar os danos gañando en comodidade, indicou a rexedora.

Lara Méndez subliña moi positivamente o papel dinamizador que xogan estas instalacións no barrio así como o labor didáctico e de divulgación que se desenvolve nelas, xa que ademais de contar cunha ampla programación formativa de xeito continuado facilítase a disposición das aulas ás asociacións locais para que poidan desenvolver nelas as súas actividades.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-novas-tecnoloxias-acomete-melloras-no-cemit-por-valor-de-8452eu