Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Mobilidade habilita novas zonas de estacionamento para motos

A área de Mobilidade habilita novas zonas de estacionamento para motos

Arroxo: "Seguimos facilitando que a veciñanza aposte por medios de transporte distintos ao coche, facendo que as nosas rúas conten con menos tráfico"

A Tenencia de Alcaldía segue traballando "na mellora da circulación do tráfico"

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Tráfico
Domingo, 29 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Mobilidade habilita novas zonas de estacionamento para motos

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de habilitar novas prazas de estacionamento reservados ás motocicletas. En total, habilitáronse 13 novos espazos pola cidade que permitirán á veciñanza "seguir apostando por medios de transporte distintos ao coche". A área de Mobilidade aproveitou espazos de estacionamento pequenos ou zonas non utilizadas da calzada para aumentar a cantidade de estacionamentos para motos, facilitando que as persoas usuarias deste tipo de vehículos poidan atopar lugar onde estacionar, "facendo que as nosas rúas conten con menos tráfico", afirmou Rubén Arroxo.

O Goberno de Lugo optimizou os espazos de estacionamento na praza Mártires de Carral, en catro puntos da Ronda da Muralla (cruce con Montero Ríos, 47, 112 e 130), na rúa Noriega Varela, na avenida Doutor García Portela, avenida Rodríguez Mourelo, praza da Milagrosa, rúa Angelo Colocci, praza Augas Férreas e en dous puntos de Fontiñas, á altura dos números 123 e 171.

Os traballos consistiron na renovación da sinalización dos estacionamentos xa existentes e na creación de novas zonas. Por exemplo, no cruce da Ronda da Muralla con Montero Ríos, aproveitarase a zona con cebreado como estacionamento para motos de dimensións aproximadas 7x2,5m. Esta mesma solución executouse na avenida Doutor García Portela, na esquina coa rúa Puro Cora, creando unha zona de estacionamento para motos de dimensións aproximadas 4x2m.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-mobilidade-habilita-novas-zonas-de-estacionamento-para-motos