Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Mobilidade e Infraestruturas continúa co plan de calmado de tráfico nos entornos escolares

A área de Mobilidade e Infraestruturas continúa co plan de calmado de tráfico nos entornos escolares

Nos últimos 7 meses realizáronse actuacións de calmado de tráfico na contorna de 12 centros de ensino

“O pintado realizarase nos vindeiros días para ter a intervención rematada antes do inicio do curso escolar”, afirmou Rubén Arroxo

  • Tema
    • Infraestruturas
Mércores, 26 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Mobilidade e Infraestruturas continúa co plan de calmado de tráfico nos entornos escolares

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, visitaron os novos pasos de peóns elevados que se realizaron nos últimos días dentro do plan de calmado de tráfico nos entornos escolares que a área de mobilidade vén realizando durante o último ano. “Seguimos aplicando medidas que fomenten un tráfico calmado, e aumenten a seguridade da veciñanza da contorna e das nenas e nenos que diariamente asisten aos colexios durante o curso”, afirmou Rubén Arroxo.

Nesta fase realizáronse elevacións nos pasos de peóns da avenida de Madrid, na contorna da escola de educación infantil Fingoi 2, en Serra de Outes e Alfredo Brañas, na contorna do colexio Menéndez Pelayo. “Co remate desta intervención, case a totalidade de centros de ensino de Lugo contarán con medidas de calmado de tráfico”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “na rúa Serra de Outes, debido á baixa altura da beirarrúa, optouse pola colocación de lombos en lugar de elevar os pasos de peóns, garantindo da mesma maneira o calmado do tráfico sen poñer en risco a seguridade peonil”.

“Nos vindeiros días realizarase o pintado dos pasos de peóns, aplicando tamén as últimas modificacións da ordenanza de circulación para tratar de evitar resbalóns”, informou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o goberno municipal queremos avanzar de cara a un Lugo no que os peóns sexan o centro da mobilidade, cun tráfico calmado e menos vehículos a motor nas rúas”.

Audio

  • Rubén Arroxo, sobre o plan de calmado de tráfico nos entornos escolares | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-mobilidade-e-infraestruturas-continua-co-plan-de-calmado-de-trafico-nos-entornos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200826_ruben_arroxo_calmado_trafico.mp3