Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Medio Ambiente arranxa varias deficiencias detectadas no saneamento do Camiño Primitivo

A área de Medio Ambiente arranxa varias deficiencias detectadas no saneamento do Camiño Primitivo

As intervencións consistiron na eliminación de sendos vertidos na Calzada da Ponte e na Rolda do Carme así como na subsanación, nesta mesma vía, dun afundimento do firme

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente
Luns, 15 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente arranxa varias deficiencias detectadas no saneamento do Camiño Primitivo

A área de Medio Ambiente vén de subsanar estes días varias deficiencias localizadas na rede de saneamento que atravesa a traza do Camiño Primitivo ao seu paso pola Rolda do Carme e a Calzada da Ponte.

“Logo de detectarse a presenza de augas residuais nestes dous emprazamentos procedeuse a realizar, coa maior celeridade posible, as correspondentes comprobacións para dar coa orixe das fugas co fin de evitar os prexuízos que ocasionan tanto para a veciñanza que reside nestas zonas como tamén para o ecosistema nun espazo de tan elevado valor patrimonial”, explicou Álvaro Santos.

O concelleiro responsable sinalou que, “no caso da Rolda do Carme, toda vez concretado mediante a utilización de colorante o punto exacto do que partían as filtracións, eliminouse o vertido coa instalación dun tramo, de aproximadamente 36 metros, de colector de PVC, co que se deu por corrixida a deficiencia. Ao mesmo tempo que procedemos a arranxar un afundimento do firme na outra marxe da vía que, se ben nun primeiro momento atribuímos á situación das canalizacións, finalmente gardaba relación co propio compactado do pavimento, quedando tamén resolto este problema”.

En canto á reparación realizada na Calzada da Ponte, está a consistir no desatasco do colector que discorre baixo a escaleira que comunica esta rúa coa do Cruzamento, onde se executará en vindeiras xornadas un pozo de rexistro e se colocará unha arqueta, “actuación coa que, entendemos, quedarán solucionados definitivamente os desbordamentos de augas fecais neste punto da cidade”, concluíu o edil.

 Audio

  • O edil Álvaro Santos, sobre as reparacións de saneamento na contorna do Camiño Primitivo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-medio-ambiente-arranxa-varias-deficiencias-detectadas-no-saneamento-do-camino

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/150620_alvaro_santos_-_reparacions_de_saneamento_na_contorna_do_camino_primitivo.mp3