Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Infraestruturas do Concello de Lugo mellora a contorna da Garaballa de Arriba

A área de Infraestruturas do Concello de Lugo mellora a contorna da Garaballa de Arriba

Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron as obras que se están a realizar na intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo.

O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 71.760,53 €.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Sábado, 16 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Infraestruturas do Concello de Lugo mellora a contorna da Garaballa de Arriba

O Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron as obras que se están a realizar na Garaballa de Arriba, concretamente na súa intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo. Estas actuacións forman parte dun proxecto de mellora da infraestrutura viaria que ten como obxectivo optimizar o acceso e as condicións de seguridade na zona.

O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 71.760,53 €, e as principais actuacións inclúen o asfaltado das zonas con pavimento en mal estado. En total, explicou Penas, “asfaltaranse aproximadamente 290 metros asegurando un selado duradeiro fronte á acción das augas pluviais, e onde sexa posible, ampliarase a superficie asfaltada para crear unha franxa de arcén destinada ao uso peonil”.

A obra tamén contempla a construción dunha nova beirarrúa no lado norte da avenida, que continuará a beirarrúa existente na Avenida Paulo Fabio Máximo. Segundo o edil de Infraestruturas, “esta decisión foi tomada debido á súa maior facilidade construtiva en comparación co lado sur, onde sería necesario demoler parte da calzada ou excavar en fincas privadas”.

O proxecto tamén inclúe traballos de drenaxe, como a instalación de sumidoiros e tubos para canalizar as augas pluviais, que desembocarán no pozo situado preto da intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo.

En canto á sinalización, realizaranse varias melloras para facilitar a mobilidade peonil e aumentar a seguridade viaria. Entre as actuacións destacan a instauración de circulación en sentido único no tramo da Garaballa de Arriba desde a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo, a limitación da velocidade a 30 km/h, e a sinalización de novos pasos de peóns.

Alexandre Penas destacou que “con estas melloras buscamos, non só optimizar as infraestruturas viarias, senón tamén garantir a seguridade e a accesibilidade para os peóns na zona da Garaballa de Arriba, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas e fomentar unha mobilidade segura e sostible.”

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, sobre as obras na Garaballa | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-infraestruturas-do-concello-de-lugo-mellora-contorna-da-garaballa-de-arriba

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20241116_alexandre_penas_obras_garaballa.mp3