Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Cultura lanza o certame fotográfico MIHL Olladas

A área de Cultura lanza o certame fotográfico MIHL Olladas

Maite Ferreiro: “buscamos fotografías que poñan en valor un espazo de Lugo tan singular como o MIHL”

Un xurado formado por 3 profesionais da fotografía entregarán 3 premios de 500, 350 e 200€ para canxear por material fotográfico

 
  • Tema
    • Cultura e Turismo
Xoves, 20 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura lanza o certame fotográfico MIHL Olladas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o certame de fotografía MIHL Olladas, que ten por obxectivo difundir os elementos arquitectónicos do museo a través da fotografía. “Buscamos a mirada das veciñas e veciños de Lugo dun espazo tan singular como o MIHL”, afirmou Maite Ferreiro.

Poderán presentarse fotografías que fagan difusión da arquitectura do MIHL, que poñan en valor os aspectos da mestura entre a arquitectura do edificio e a contorna, que revelen a experiencia das visitantes ou que descubran os recunchos máis recónditos do edificio. Os traballos deberán ser orixinais e poderán pasar por procesos de revelado dixital, sen poder presentarse fotomontaxes.

As imaxes deberán enviarse por correo electrónico a premiosfotomihl@gmail.com [1] entre o 20 de agosto e o 30 de setembro, en formato JPG a 300ppp, cun peso máximo de 10MB e 30 cm de lonxitude máxima para o lado máis longo da imaxe. Un xurado formado por 3 profesionais da fotografía decidirá os 3 premios, dotados con 500, 350 e 200€ para canxear por material fotográfico.

As bases poden consultarse na web do Concello de Lugo e poderá solicitarse información por correo electrónico ou no teléfono do MIHL, 982 297 446.

Un verán a MIHL

Maite Ferreiro visitou os campamentos temáticos que a área de Cultura está a realizar no MIHL, baixo o nome Un Verán a MIHL. Maite Ferreiro destacou “a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre as familias lucenses” e afirmou que “é unha gran oportunidade para que as nenas e nenos coñezan a nosa historia con actividades lúdicas e de lecer”. Cada un dos días de campamento, os tres grupos de nenas e nenos realizan obradoiros de arqueoloxía, obradoiros artísticos e xogos populares ao aire libre.

Audio

  • Maite Ferreiro, sobre o certame fotográfico MIHL Olladas | Descargar mp3 [2]

premiosfotomihl@gmail.com [1]

 

 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-cultura-lanza-o-certame-fotografico-mihl-olladas

Ligazóns:
[1] mailto:premiosfotomihl@gmail.com
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200820_maite_ferreiro_mihl_ollalas.mp3