A área de Cultura do Concello entrega os premios do 25º Certame de Pintura Rápida Cidade de Lugo
A actividade reuniu a decenas de artistas que ao longo da xornada representaron diferentes escenas urbanas e paisaxes da cidade.
Desde a Concellería salientaron a boa acollida da convocatoria e agradeceron a participación e implicación tanto das persoas artistas como da cidadanía.
- Tema
- Benestar social,
- Animación sociocultural,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Museos e exposicións,
- Xestión cultural

A Praza Maior acolleu este domingo a entrega dos premios do 25º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, unha das citas máis consolidadas do verán cultural lucense. A actividade, organizada pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, reuniu a decenas de artistas que ao longo da xornada representaron diferentes escenas urbanas e paisaxes da cidade.
O concelleiro Alexandre Penas foi o encargado de entregar os galardóns tras a deliberación do xurado, composto por profesionais das artes plásticas. “Este certame converte Lugo nun espazo de creación e participación, visibilizando o talento artístico e ofrecendo á veciñanza unha maneira diferente de mirar a cidade”, sinalou o edil durante o acto.
O xurado desta edición estivo formado por profesionais no ámbito artístico e creativo: Laura Romero Pereira, ilustradora e integrante da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración); Pablo Ferreiro Mazón, arquitecto e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo; e Sara Pérez Cruz, ilustradora e vocal do grupo Nebra. A súa valoración destacou a calidade técnica, a orixinalidade e a interpretación persoal da cidade nas obras presentadas.
As persoas gañadoras desta 25ª edición foron:
- 1º premio (1.600,00 €) e diploma: Manuel Carballeira Rivas
- 2º premio (1.100,00 €) e diploma: Isabell Seidel
- 3º premio (900,00 €) e diploma: Rafael Dueñas Carazo
- Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Benigno Rodríguez Sánchez
- Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Rafael Carrascal García
- Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Diego Manuel Fernández González "Columé"
- Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Juan Carlos Triñanes Buceta
- Accésit Premio (300,00 €) e diploma: Andrés Gabarres Cagiao
- Premio artista local (450,00 €) e diploma: Alfredo Hernández Perdomo
As obras foron expostas na propia Praza Maior entre as 18.00 e as 20.00 horas, nunha mostra aberta ao público que permitiu ás persoas asistentes gozar dos distintos enfoques e estilos empregados polas artistas participantes.
Desde a Concellería de Cultura salientaron a boa acollida da convocatoria e agradeceron a participación e implicación tanto das persoas artistas como da cidadanía, destacando que “a cultura ao aire libre contribúe a facer de Lugo unha cidade máis viva, creativa e compartida”.
