Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Cultura activa o procedemento para instalar o alumeado de Nadal

A área de Cultura activa o procedemento para instalar o alumeado de Nadal

O alumeado este ano funcionará entre o 3 de decembro e o 9 de xaneiro

Maite Ferreiro: “contaremos con alumeado polo centro e polas principais rúas da cidade”

O Goberno de Lugo aprobou a apertura do procedemento de licitación, cun orzamento base de 146.149,85€

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Infraestruturas
Mércores, 27 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura activa o procedemento para instalar o alumeado de Nadal

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro anunciou que o goberno de Lugo vén de aprobar a apertura do procedemento de licitación do alumeado deste Nadal. Maite Ferreiro explicou que “contaremos con alumeado polo centro e polas principais rúas e prazas da cidade onde se instalarán distintos elementos ornamentais referentes ao nadal”.

O alumeado de Nadal sae a licitación cun orzamento máximo de 146.149,85€. De cara á adxudicación, o persoal técnico valorará o número de puntos de luz de cada un dos elementos, a oferta económica presentada e o aspecto estético de cada proposta. As luces entrarán en funcionamento o 3 de decembro, e permanecerán ata o 9 de xaneiro de 2022.

Este ano colocaranse nas distintas rúas e prazas un total de 189 arcos luminosos e 30 elementos ornamentais. Ademais, decoraranse 100 farolas. Entre os elementos ornamentais, destacan a instalación dunha figura en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de 4 rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo  de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.

O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces.

A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, terá un mínimo de 20 metros de altura e estará ubicada sobre unha plataforma de 8x8 metros, contará cun mínimo de 3 figuras para poder utilizalo como photocall e 15.000 puntos de luz.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o alumeado de Nadal | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-cultura-activa-o-procedemento-para-instalar-o-alumeado-de-nadal

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/211027_maite_ferreiro_alumeado_nadal.mp3