Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Benestar acondiciona o ximnasio da Casa das Asociacións e moderniza os equipamentos a disposición das persoas usuarias

A área de Benestar acondiciona o ximnasio da Casa das Asociacións e moderniza os equipamentos a disposición das persoas usuarias

A edil Olga López Racamonde visitaba hoxe as instalacións acompañada polos representantes dos colectivos que desenvolven a súa actividade no inmoble.

O investimento municipal destinouse á adquisición de novos aparatos que faciliten a práctica de exercicio, fundamentalmente, cardiovascular.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Deportes,
    • Instalacións deportivas
Martes, 20 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar acondiciona o ximnasio da Casa das Asociacións e moderniza os equipamentos a disposición das persoas usuarias

A Concelleira de Benestar Social, Olga López, achegouse esta mañá á Casa Clara Campoamor para supervisar os cambios realizados nas instalacións logo de que esta área decidise acondicionar o ximnasio para modernizar os equipamentos a disposición das e dos usuarios do centro.

A edil estivo acompañada polos representantes dos colectivos que desenvolven a súa actividade no inmoble: AFALU, ALCER, AUXILIA, PARKINSON, FADEMGA, ALUCEM E AGAFI.

Durante a visita, López Racamonde deu conta de que o investimento municipal realizado destinouse á adquisición de novos aparatos que faciliten a práctica de exercicio - fundamentalmente de tipo cardiovascular - encamiñado á rehabilitación física, como varias bicicletas estáticas e cintas de correr e mesmo unha espaldeira, “incrementando os recursos que fomenten os hábitos de vida saudable e boas pautas de coidado persoal, nun momento de tantas dificultades sociosanitarias”, sinalou a concelleira.

“A finalidade non é outra que a de mellorar o servizo posto a disposición polo Concello, para que todas estas entidades poidan seguir levando a cabo o seu labor. Un traballo indispensable para o conxunto da sociedade, que completa as prestacións públicas existentes en diferentes eidos e que serven para brindar unha atención asistencial valiosísima ás persoas con doenzas específicas que merecen e precisan dunha rede de apoio integral ben coordinada”, destacou a responsable de Benestar Social.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-benestar-acondiciona-o-ximnasio-da-casa-das-asociacions-e-moderniza-os-equipamentos