Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Ana González Abelleira intercambia experiencias en Mozambique coas súas homólogas nese país

Ana González Abelleira intercambia experiencias en Mozambique coas súas homólogas nese país

A concelleira, acompañada por edís de Moaña, San Sadurniño e Verín, participan nun encontro coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas nesta última semana de setembro

  • Tema
    • Solidariedade,
    • Igualdade
Mércores, 28 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana González Abelleira intercambia experiencias en Mozambique coas súas homólogas nese país

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, xunto coas concelleiras de Moaña, San Sadurniño e Verín, María Ortega, Ana Breijo e Emilia Basalo, respectivamente, viaxaron o día 25 de setembro a Mozambique para participar nun encontro da Rede de Mulleres Autarcas, integrada por edís e alcaldesas do país lusófono. Con elas, intercambian experiencias para impulsar a participación das mulleres na política local e as políticas municipais a prol da igualdade.

Nesta xornada, a delegación  de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, acompañada por unha técnica desta entidade e unha voluntaria do programa Vacacións de Traballo, achegouse ao municipio de Mandlazaki da man da súa alcaldesa e presidenta da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, María Elena Correia.

As concelleiras galegas exporán as dificultades que se atopan, así como as políticas e as ferramentas para superalas, ademais do papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero. Estas edís resultaron seleccionadas no proceso aberto para sumarse a esta iniciativa, que tamén as levará a visitar o proxecto a prol da saúde infantil e materna, que a Fundación Encontro vén de concluír na provincia de Maputo co apoio do Fondo Galego.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos, entre eles o de Lugo, e as deputación de Lugo e Coruña, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Dende a súa fundación no ano 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ana-gonzalez-abelleira-intercambia-experiencias-en-mozambique-coas-suas-homologas-nese-pais