Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Ana G. Abelleira anuncia un novo recurso de reposición na Xunta ante unha nova supresión da axuda para servizos sociais

Ana G. Abelleira anuncia un novo recurso de reposición na Xunta ante unha nova supresión da axuda para servizos sociais

  • Tema
    • Igualdade
Venres, 21 de decembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, anunciou un novo recurso de reposición en contra da resolución pola que se resolve a subvención destinada ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais para o ano 2012, e que se reduce en case un 85% con respecto ao ano 2010.

O ano pasado a Xunta xa reducira nun 74% da contía das subvencións que concede para o programa de axuda no fogar e dos centros de día, concretamente, para as persoas que acceden por libre concorrencia. Segundo indicou González Abelleira, “para este ano 2012 concedéronnos unha axuda de 72.000 e agora sen ningún motivo avísannos de que van ser 66.500 euros,o que significa un 85% menos que hai dous anos”. Ademais asegurou que “ata o momento podemos asumir estes servizos pero chegará un momento, como siga así a Xunta, no que non sexamos capaces de facer fronte a todas as funcións que ela deixa de prestar e que son a súa obriga, e os veciños teñan que quedar ser atencións mínimas”.

A Concelleira de Servizos Sociais insistiu en que estas medidas ocasionarán “un maior recargo para o Concello xa que ten que facer todos os esforzos, nunha materia que non é competencia súa, se non queremos que os nosos maiores, discapacitados ou persoas que requiran deste programa se atopen desamparadas e sen medios para ter unha vida axeitada tanto no seu fogar como nos centros de día”.

González Abelleira tamén fixo referencia á eliminación do servizos de teleasistencia, que no caso do Concello de Lugo, afectaría a unhas 350 persoas especialmente da zona rural, e asegurou que “a Xunta volveu a enganar a todos os cidadáns porque antes das eleccións anunciou unha ampliación da teleasistencia cun novo formato e agora deciden retirar todo, polo que serán as Deputacións e os Concellos os que se fagan cargo do servizo”. Neste sentido, manifestou o seu malestar ante a actitude que ten a Xunta e o Goberno coas persoas máis desfavorecidas como poden ser os nosos maiores ou discapacitados. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ana-g-abelleira-anuncia-un-novo-recurso-de-reposicion-na-xunta-ante-unha-nova-supresion-da