Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Alumnado do ciclo de Carpintaría e Moble de Ortigueira coñece o Impulso Verde, edificio emblemático na loita contra o cambio climático

Alumnado do ciclo de Carpintaría e Moble de Ortigueira coñece o Impulso Verde, edificio emblemático na loita contra o cambio climático

E o único edificio público de Galicia construído 100% con madeira local e un dos poucos do mundo en obter a certificación FSC que certifica que non contribúe a deforestación.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio rural,
    • Medio ambiente,
    • Novas tecnoloxías
Martes, 14 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alumnado do ciclo de Carpintaría e Moble de Ortigueira coñece o Impulso Verde, edificio emblemático na loita contra o cambio climático

O edificio Impulso Verde, construído polo Concello de Lugo, recibiu hoxe a visita do alumnado do ciclo de Carpintaría e Moble do IES de Ortigueira, que se interesou no uso da madeira e pola súa proxección como edificio modelo na loita contra o cambio climático.

A visita enmárcase na campaña divulgativa impulsada polo executivo de Lara Méndez antes incluso de abrir as súas portas ao público como inmoble municipal e centro de coworking vinculado coa bioeconomía e economía circular.

O interese que esperta este edificio no alumnado e profesorado dos diferentes ciclos formativos relacionados coa construción e o traballo en madeira [1] débese ao innovador uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta pola sostibilidade e o consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.

O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC [2], unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Deste xeito, este edificio pioneiro convírtese nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

Unha vez finalizada a visita, o alumnado e o profesorado do IES de Ortigueira puideron coñecer de primeira man o bosque urbano [3] e o resto de accións que están a ser desenvolvidas na contorna polo LIFE Lugo + Biodinámico.

O Impulso Verde cumpre así coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Impulsado e cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alumnado-do-ciclo-de-carpintaria-e-moble-de-ortigueira-conece-o-impulso-verde-edificio

Ligazóns:
[1] https://www.lugobiodinamico.eu/o-ies-rosalia-mera-da-coruna-visita-o-impulso-verde/
[2] https://www.lugobiodinamico.eu/o-edificio-impulso-verde-e-o-primeiro-en-espana-en-contar-coa-certificacion-fsc-de-sustentabilidade/
[3] https://www.lugobiodinamico.eu/o-life-lugo-biodinamico-organiza-visitas-guiadas-as-parcelas-das-gandaras/