Alcaldía presentará en Fitur a campaña ‘Lugo, un encontro coa historia’, para afianzar o plan de internacionalización do Arde Lvcvs
Para o rexedor “a nosa campaña divulgará o gran potencial de Lugo, centrándonos nun evento que é piar fundamental na promoción turística da cidade”.
Darase protagonismo aos 25 anos desta festa, como parte dunha estratexia máis ampla que contempla a presencia, no mes de febreiro, na BTL de Lisboa e o Arde Lvcvs Cultural.
Jorge Bustos adianta que, do 17 ao 19 de abril, Lugo albergará a Asamblea Nacional de la Asociación Española de Fiestas de Recreación Histórica, coa asistencia de representantes de máis de 60 eventos deste tipo.
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Promoción turística,
- Museos e exposicións,
- Información turística

As áreas de Alcaldía e de Xuventude e Deportes do Goberno Local xa teñen a punto a súa participación na Feria Internacional de Turismo, Fitur 2026, que comeza esta semana en Madrid, onde se presentará a campaña ‘Lugo, un encontro coa historia’, coa que o Concello de Lugo busca afianzar o proceso de internacionalización do Arde Lvcvs, que este ano alcanza o seu cuarto de século. Para o alcalde de Lugo, “esta proposta, baixo o lema ‘Lugo, un encontro coa historia’, divulgara o gran potencial de Lugo, cedendo o protagonismo á festa de recreación histórica da cidade”.
Neste sentido, Miguel Fernández explica que “o evento que xurdiu para conmemorar a fundación da cidade romana, converteuse por méritos propios na celebración da exaltación do noso orgullo por Lugo. Creo que esta cidade foi capaz de manter esa ilusión e, o que é máis importante, trasladala ao mundo para que o Arde Lvcvs sexa a festa universal que é na actualidade. Precisamente, todo iso é parte do que imos presentar aos visitantes que se acheguen ata Fitur, grazas a un video promocional, producido especificamente para a súa presentación en Madrid”.
Apoiarse no Arde Lvcvs para mostrar o potencial de Lugo responde ao feito de que “este evento é desde hai anos unha ferramental fundamental nese labor de promoción, que ademais está moi vinculado a ese modelo de turismo sostible, co que este Goberno Local está totalmente comprometido”, comenta o rexedor lucense.
Coa presentación do vídeo do Arde Lvcvs, preténdese “incidir na transmisión dese legado galaico-romano que nos define, de forma moi especial a través do Arde Lvcvs Cultural, dando máis protagonismo á historia, ás conferencias especializadas, aos talleres de recreación, etcétera”, asegura Miguel Fernández.
Estratexia de Internacionalización
Para o rexedor lucense “Fitur será o punto de partida dun ambicioso plan que terá continuidade nunha estratexia moito máis ampla, que tamén contempla a promoción da festa e de Lugo na BTL, a feira Internacional de Turismo de Lisboa, que terá lugar a finais do mes de febreiro”. Ademais, neste proceso de internacionalización terán un peso destacado a coordinación coas asociacións europea e española de festas de recreación histórica, “coas que imos ter reunións nas que deseñar accións conxuntas, non só para unha edición tan especial como a do Arde Lvcvs deste ano, senón para ese plan de internacionalización ao que fixen referencia”, explica o alcalde de Lugo.
Neste sentido, o edil Jorge Bustos, encargado de Xuventude e Deportes, área da que depende directamente o Arde Lvcvs, explica que “outra das accións que centrará este plan de internacionalización é a celebración en Lugo da Asamblea Nacional da Asociación Española de Festas de Recreación Histórica, que terá lugar na nosa cidade, do 17 ao 19 de abril”. Para elo, sinala “temos previstas reunións en Madrid para avanzar de cara a esta asemblea, que contará coa participación de representantes de máis de 60 festas deste tipo, desde eventos de recreación ibera e romana a outros medievais ou renacentistas, por citar algúns”.
Este evento será, precisamente, o pistoletazo de saída para o Arde Lvcvs Cultural, outro dos eidos nos que se centra a estratexia de internacionalización, onde estase a traballar nunha extensa programación, para contar coa presencia de figuras de proxección internacional. Este programa cultural comezará en abril e se prolongará ata a fin de semana do 18 ao 21 de xuño, coa celebración do 25 aniversario da festa lucense, e co peche do denominado Arde Lvcvs Cultural.
Co respecto ás novidades para o Arde Lvcvs deste ano, tanto o alcalde como o edil de Xuventude chaman a atención sobre “a redistribución das distintas actividades da festa utilizando para elo varias das novas prazas e zonas peonís incorporadas á cidade coas obras do centro, algo que sen dúbida beneficiará ao desenvolvemento da festa e a que máis xente poida desfrutar comodamente de todos os espectáculos e actividades preparadas”.
Audio
- O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, sobre FITUR | Descargar mp3 [1]
