A Alcaldesa subliña a vixencia das reivindicacións de Clara Campoamor na entrega dos premios Entre Iguais
- Tema
- Alcaldía,
- Igualdade
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, entregaron este mércores no Salón de Plenos os premios da sétima edición do Certame de Narrativa Entre Iguais, organizado polo Concello para loitar pola igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia machista a través da sensibilización dos mozos e mozas.
No acto, a rexedora subliñou a vixencia dunha reivindicación de Clara Campoamor, cando se vén de cumprir este pasado luns o 130 aniversario do seu nacemento: “Non se pode construír unha democracia sen a metade da cidadanía”. Fíxoo para poñer de manifesto que, aínda estando no século XXI e tendo acadado avances en favor da igualdade real entre mulleres e homes, “queda moito por facer. De aí a importancia de todas as iniciativas que, coma esta, impulsamos dende o Concello en favor da igualdade”. Neste senso, subliñou tamén o traballo que desenvolve a Casa a Muller, un servizo gratuíto que atendeu o pasado ano a unhas 250 mulleres e preto de 3.000 consultas.
Méndez subliñou que hai “moitos datos que nos indican que falta moito por avanzar”, aludindo ás violencia machista, que na última década asasinou a máis de 580 mulleres, e á brecha salarial entre mulleres e homes, de máis de case 400€ ao mes, ou ao propio linguaxe “sexista e denigrante” que se usa a día de hoxe, poñendo como exemplo a quinta acepción da palabra fácil no diccionario da Real Academia da Lingua: “Dito especialmente dunha muller: Que se presta sen problemas a manter relacións sexuais”.
Os gañadores da 7ª edición do certame Entre Iguais son os seguintes:
Na categoría de 12 a 14 anos:
- 1ª PREMIO - Santiago Barreiro Maroto. Dotado cun diploma e un premio valorado en 200 euros
- O 2º e o 3º PREMIO quedan desertos por non adaptarse o resto ás bases
Na categoría de 15 a 18 anos:
- 1º PREMIO - Adrián Yael Rosa Fernández. Dotado cun diploma e un premio valorado en 250 euros
- 2º PREMIO - Noa Lorenzo Otero. Dotado cun diploma e un premio valorado en 150 euros
- 3º PREMIO - Geovanni Álvarez Macía. Dotado cun diploma e un premio valorado en 100 euros
O xurado estivo composto pola edil de Benestar Social; por Mónica Álvarez, representante do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade do Concello de Lugo; Belén Regueiro, técnica da Casa da Muller; e a escritora Carmen Conde.
Audio
- A alcaldesa Lara Méndez, sobre a entrega dos premios Entre Iguais | Descargar mp3 [1]