Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa subliña o “compromiso social” do Colexio de Avogados de Lugo no descubrimento dunha placa polo seu 175 aniversario

A Alcaldesa subliña o “compromiso social” do Colexio de Avogados de Lugo no descubrimento dunha placa polo seu 175 aniversario

Lara Méndez puxo tamén en valor o papel fundamental da avogacía “para o funcionamento do noso Estado Social e Democrático de Dereito”

  • Tema
    • Alcaldía
Venres, 26 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa subliña o “compromiso social” do Colexio de Avogados de Lugo no descubrimento dunha placa polo seu 175 aniversario

A Alcaldesa, Lara Méndez, participou este venres no acto de descubrimento dunha placa conmemorativa polo 175 aniversario do Colexio de Avogados de Lugo na casa na que a entidade tivo a súa primeira sede, na rúa Miño, número 32. A rexedora destacou na súa intervención “a importante función e compromiso social” da avogacía e do Colexio de Avogados lucense en particular “ao longo de toda a súa historia”, pois, como lembrou, un dos primeiros acordos que adoptou no 1840 foi nomear a dous avogados para prestar asistencia e asesoramento de xeito gratuíto ás persoas máis vulnerables e desfavorecidas.

Méndez, que estivo acompañada polo decano do Colexio, José Félix Mondelo Santos, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, entre outros membros da entidade colexial e distintas autoridades, tamén subliñou o papel constitucional da avogacía, “unha peza fundamental para o funcionamento do noso Estado Social e Democrático de Dereito”, que de feito garante un dereito constitucional como é o de defensa dos cidadáns, o que contribúe á seguridade xurídica e a unha sociedade libre.

A rexedora lembrou que hai preto de dúas semanas mantivo unha primeira reunión con representantes do Colexio para renovar a colaboración do Concello con esta entidade, no marco dunha rolda de encontros cos colexios profesionais da cidade porque “cremos que o bo entendemento e a colaboración entre o Concello e os profesionais é imprescindible para o progreso da sociedade e para facer cidade entre todos”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-sublina-o-compromiso-social-do-colexio-de-avogados-de-lugo-no-descubrimento-dunha