Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa reitera o apoio do Concello ao medio rural na XVI Feira do Entroido de Nadela

A Alcaldesa reitera o apoio do Concello ao medio rural na XVI Feira do Entroido de Nadela

A entidade local colabora coa Asociación Carballeira de Nadela nesta cita, posto que se enmarca na súa aposta por potenciar a comercialización dos produtos con denominación de orixe Lugo

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Medio rural,
    • Mercados
Domingo, 31 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
XVI Feira do Entroido de Nadela

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este domingo á XVI Feira do Entroido de Nadela que acolleu durante a xornada de mañá a carballeira desta localidade. O Concello colabora coa Asociación Carballeira de Nadela nesta cita, posto que se enmarca na súa aposta por potenciar a comercialización dos produtos con denominación de orixe Lugo.

Durante a visita, Méndez reiterou o apoio do Concello ao medio rural, que representa o 80% do territorio do Concello, así como o seu compromiso por mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

Na XVI Feira do Entroido déronse cita ao redor dun cento de expositores, que puxeron á venda produtos característicos destas datas, así como postres típicos do entroido e artesanía. Mercedes Expósito, veciña de Nadela e autora do libro De la Garçon e a la Pin-Up. Mujeres y hombres en el siglo XXI, foi a encargada de ler o pregón, no que lembrou a súa nenez en Nadela e reivindicou o papel da muller na sociedade. A charanga DGT e o Dúo Muralla amenizaron esta xornada, á que ademais da rexedora asistiron outros membros da Corporación Municipal.

O Concello puxo un servizo gratuíto de autobuses dende as 09:00 ás 15:00 horas para todos os interesados en asistir a esta feira na que se puido mercar o mellor do entroido, os seus produtos gastronómicos. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-reitera-o-apoio-do-concello-ao-medio-rural-na-xvi-feira-do-entroido-de-nadela