Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A alcaldesa Paula Alvarellos abordará en 2024 a eliminación de tres tapóns urbanísticos na cidade

A alcaldesa Paula Alvarellos abordará en 2024 a eliminación de tres tapóns urbanísticos na cidade

As actuacións levaranse a cabo na rúa Camiño de Pipín, rúa Mazaira con Juana la Loca, e avenida da Coruña.

Alvarellos sinalou que “a erradicación destes puntos de descontinuidade na trama urbana supoñerán unha importante mellora da seguridade viaria e contribuirán a axilizar o tráfico rodado”.

  • Tema
    • Urbanismo
Mércores, 24 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa Paula Alvarellos abordará en 2024 a eliminación de tres tapóns urbanísticos na cidade

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou esta mañá que o Goberno local abordará a eliminación de tres tapóns urbanísticos na cidade ao longo deste 2024. Así, a rexedora e responsable de Urbanismo concretou o compromiso anunciado anteriormente e xa previsto nos Orzamentos para este exercicio. En concreto, as actuacións levaranse a cabo na rúa Camiño de Pipín, rúa Mazaira con Juana la Loca, e avenida da Coruña. “A erradicación destes puntos de descontinuidade na trama urbana supoñerán unha importante mellora da seguridade viaria e contribuirán a axilizar o tráfico rodado nas zonas de actuación. Así mesmo, achegaremos racionalidade ao trazado urbano mellorando o uso destes espazos públicos”, sinalou Alvarellos.

A primeira das actuacións programadas polo Executivo local executarase na rúa Camiño de Pipín, onde dúas edificacións rompen a continuidade do trazado viario. Neste punto, prevese eliminar estas dúas construcións axustándose ás aliñacións do PXOM, o que permitirá incrementar a seguridade dos peóns, mellorar a accesibilidade  e dinamizar o fluxo de vehículos por este punto ao gañar moita visibilidade na zona de tránsito”, apuntou a alcaldesa. Pola súa banda, na confluencia da rúa Mazaira con Juana la Loca, levarase a cabo unha actuación encamiñada a eliminar o estreitamento que existe nesta vía de dobre sentido.

“A eliminación dos tapóns urbanísticos son procesos longos e complexos que poden acometerse por vías diferentes: expropiación, convenio ou permuta. Nestes dous casos concretos implican tres procedementos diferentes. Por unha banda, é necesario acometer unha expropiación, cuxo marco temporal depende do número de propietarios afectados e da súa localización para facer efectiva a notificación. Posteriormente, é necesario elaborar un proxecto de demolición  e outro de urbanización, ambos cos seus tempos administrativos regrados en canto ao proceso de licitación e adxudicación se refire”, explicou Alvarellos.

“O obxectivo do Goberno local é eliminar progresivamente os tapóns urbanísticos e para iso comezamos polos de Camiño de Pipín e rúa Mazaira con Juana la Loca, cuxo abordaxe se contampla xa ben nos orzamentos deste ano, ben nas encomendas de Evislusa, que é quen se encargará dos proxectos de expropiación”, proseguiu a rexedora.

Ademais destas dúas actuacións, que seguirán o proceso habitual, a alcaldesa e responsable de Urbanismo ten canalizado un acordo para a eliminación dun terceiro tapón urbanístico na avenida da Coruña. Este proxecto abordarase a través dunha permuta que simplificará o proceso. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-paula-alvarellos-abordara-en-2024-eliminacion-de-tres-tapons-urbanisticos-na-cidade