Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa participa na homenaxe de GÁLIX a Paco Martín: “unha persoa boa e nobre que marcou un fito na literatura”

A Alcaldesa participa na homenaxe de GÁLIX a Paco Martín: “unha persoa boa e nobre que marcou un fito na literatura”

Lara Méndez clausurou o acto organizado no IES Ánxel Fole con motivo do nomeamento do escritor lucense como socio de honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, que contou coa presenza de ducias de rapaces e rapazas do centro

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo
Mércores, 08 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa participa na homenaxe de GÁLIX a Paco Martín: “unha persoa boa e nobre que marcou un fito na literatura”

“Unha boa persoa, nobre, humilde, amigo dos seus amigos, e xeneroso, que marcou un fito na historia da literatura, ao gañar por primeira vez cunha obra en galego, Das Cousas de Ramón Lamote, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil”. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, referiuse así a Paco Martín durante a clausura dos actos celebrados este mércores no IES Ánxel Fole con motivo do nomeamento do escritor lucense como Socio de Honra 2017 por parte da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil – GÁLIX.

Méndez subliñou “a faceta persoal, docente e literaria” de Paco Martín nun sentido acto, no que tomaron parte ducias de rapaces e rapazas do centro educativo.

A rexedora agradeceu ao IES Ánxel Fole, do que ela mesma foi alumna, “que acolla este tipo de iniciativas” e a GÁLIX que faga este recoñecemento a un dos referentes vivos da literatura galega, que, indicou, “fará que a asociación sexa un pouco máis lucense”, e tamén que “promova esa labor complicada de visibilizar e promocionar a cultura e a lingua galegas, que nos fan diferentes, nun momento delicado porque o noso idioma está vivindo un retroceso”.

Na homenaxe a Paco Martín participaron o presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo, o escritor Xabier P. Docampo e a directora e vicedirector do IES.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-participa-na-homenaxe-de-galix-paco-martin-unha-persoa-boa-e-nobre-que-marcou-un