Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa expón a ordenanza de seguridade cidadá aos grupos municipais para que fagan achegas

A Alcaldesa expón a ordenanza de seguridade cidadá aos grupos municipais para que fagan achegas

O Goberno busca con esta norma básica de convivencia, coa que cumpre un novo acordo do Pleno, mellorar a calidade de vida dos lucenses preservando o espazo público como un lugar de encontro e civismo

A Mesa de Ordenanzas abordou hoxe a proposta de ordenanza elaborada polo Executivo co fin de elevar a Pleno un texto consensuado

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Mércores, 18 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa expón a ordenanza de seguridade cidadá aos grupos municipais para que fagan achegas

Nun novo exercizo de participación e transparencia, a Alcaldesa, Lara Méndez, expuxo este mércores no Salón de Comisións aos grupos municipais a proposta de ordenanza de seguridade cidadá elaborada polo Goberno, unha norma básica de convivencia, coa que cumpre un compromiso programático e un acordo do Pleno, e coa que busca mellorar a calidade de vida dos cidadáns preservando o espazo público como un lugar de encontro e civismo.

Méndez, que estivo acompañada dun dos redactores da ordenanza, o inspector Jesús Piñeiro da Policía Local, presentou o documento á oposición na Mesa de Traballo de Ordenanzas, tal e como xa anunciara en xullo do pasado ano, cando se puxo en marcha a elaboración desta norma. Dende ese momento, os distintos servizos municipais implicados, como Policía Local ou Asesoría Xurídica, fixeron as súas achegas. Agora, o obxectivo é abrir un espazo de debate para que os grupos da Corporación fagan as valoracións e propostas que estimen co fin de elevar ao Pleno un documento consensuado.

A Alcaldesa asegurou que confía “na responsabilidade individual do cidadán e por engadido da sociedade no seu conxunto”, pero é certo que se producen “certos comportamentos que son desagradables e que á Lei se lle escapan por ser puntuais ou mesmo de repercusión local”, polo que esta norma municipal é necesaria, entendéndoa como unha “ferramenta de disuasión”. “Grazas á súa difusión conseguiremos que a súa aplicación sexa mínima, no sentido de que non faga falta usala”, explicou Méndez.

A ordenanza protocolariza unha vintena de comportamentos incívicos e insolidarios para poder previlos e eliminalos, como a actividade dos denominados “gorrillas” (actividade ilegal de aparca coches); grafitos e  pintadas; atentados contra a dignidade das persoas; necesidades fisiolóxicas en espazos públicos; deterioro do mobiliario urbán ou consumo de bebidas alcohólicas.

Audio

  • A alcaldesa sobre a ordenanza de Seguridade Cidadá | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-expon-ordenanza-de-seguridade-cidada-aos-grupos-municipais-para-que-fagan-achegas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/180418_ordenanzaseguridadecidada_-_alcaldesa.mp3