Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa esixe a “implicación directa de Rajoy e Feijóo para garantir o futuro do sector lácteo”

A Alcaldesa esixe a “implicación directa de Rajoy e Feijóo para garantir o futuro do sector lácteo”

“Os lucenses e os galegos queremos gobernantes que gobernen, que dean solucións, non que se agochen ante os problemas do país”, subliñou a rexedora durante a mobilización en defensa do lácteo celebrada hoxe en Lugo

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Medio rural
Xoves, 03 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto a membros do Goberno local, participou na multitudinaria mobilización convocada hoxe na cidade pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, á que o Concello está adherido, unha manifestación na que a rexedora esixiu “a implicación directa” dos presidentes de Goberno central e Xunta, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, “para implantar de maneira urxente solucións políticas que garantan o futuro deste sector económico fundamental en condicións dignas”.

“Os lucenses e os galegos queremos gobernantes que gobernen, que dean solucións, non que se agochen ante os problemas do país”, subliñou Lara Méndez, quen lembrou que esta mesma semana o Concello aprobou por unanimidade dos seis grupos que forman parte da Corporación unha declaración institucional en defensa do sector lácteo, na que se insta a Xunta e Goberno central a tomar medidas que garantan a recollida do leite por parte da industria e a instauración autonómica da figura do mediador, así como medidas estruturais para a viabilidade do sector.

“A maior crise da historia desta actividade da que viven centos de familias e supón un dos grandes motores económicos do noso municipio non se amaña con esmolas”, senón que precisa “de decisións políticas valentes e sostibles a longo prazo”. “Xogámonos moito. Se morren as explotacións leiteiras, morre o rural”. Por iso, “todos, empezando polo Goberno central e a Xunta de Galicia, temos a obriga de acadar unha solución antes de que a situación non teña volta atrás”, asegurou a Alcaldesa.

Audio

  • Sobre a situación do sector lácteo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-esixe-implicacion-directa-de-rajoy-e-feijoo-para-garantir-o-futuro-do-sector-lacteo

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030915_mobilizacion_lacteo_alcaldesa.mp3