A alcaldesa eloxia no día da Merced o labor dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso e o seu traballo a prol da reinserción
Paula Alvarellos asistiu no MIHL ao acto na honra da patroa das prisións, nos que se distinguiu coa entrega de medallas ao mérito penitenciario a persoal das dúas cárceres.
Sinalou que “estes recoñecementos demostran profesionalidade e que se pode lograr a inclusión, coa que garantir a igualdade de dereitos para a poboación reclusa”.
A rexedora destacou que “aos datos positivos de inclusión se unen os avances do noso sistema penitenciario, enfocado a este fin, segundo recolle a Constitución”.
- Tema
- Benestar social,
- Igualdade,
- Accesibilidade,
- Inclusión,
- Protección da comunidade

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu hoxe no MIHL aos actos na honra da patroa dos centros penitenciarios, a Nosa Señora da Merced, unha xornada que serviu para distinguir ás e aos profesionais das prisións de Bonxe e Monterroso coa entrega de varias medallas ao mérito penitenciario. Ademais, o día da patroa destes centros tivo un marcado carácter reivindicativo en aras de acadar a plena integración dos presos. Neste senso, a alcaldesa eloxiou o traballo desenvolvido en Bonxe e Monterroso, que demostran, dixo “non só a súa profesionalidade senón que é posible lograr a inclusión na sociedade coa que garantir a igualdade de dereitos para a poboación reclusa, unha vez cumprida a pena e xa libres para atopar unha oportunidade de futuro”. A rexedora tamén felicitou aos directores das prisións de Bonxe e Monterroso, José Manuel Pernás e Félix Rodríguez, respectivamente, “por manter ano a ano a súa defensa pola reinserción, e por reivindicar co seu traballo desde ambos centros que a integración na sociedade é posible”.
Durante o acto púxose de manifesto a importancia dese traballo conxunto para acadar a reinserción na sociedade das persoas que cumpren condenas nunha prisión e a este respecto Paula Alvarellos eloxiou “o traballo das e dos funcionarios que desenvolven en Bonxe e Monterroso a súa profesión”. Precisamente o acto de hoxe serviu para recoñecer a algunha destas persoas, coa concesión das medallas de prata ao mérito penitenciario ao que fora médico de Bonxe, José Manuel López Seoane, que se entregou a título póstumo; á durante anos pedagoga da prisión de Monterroso, Carmen Gutiérrez, e ao médico de Bonxe, Álvaro Tomé Cortón. Tamén se concedeu unha medalla de prata ao presidente de Cruz Vermella, Luis Abelleira.
A alcaldesa de Lugo foi a encargada de entregar a medalla de bronce ao mérito penitenciario a Francisco Javier Rodríguez González, funcionario de Bonxe, pola súa implicación e contribución extraordinaria á mellora do aspecto das instalacións deste centro e por crear espacios máis humanos e agradables. Ademais, se concederon outras tres medallas de bronce e nove mencións honoríficas.
Na súa intervención, Paula Alvarellos falou dos “moitos debates que hai no ámbito xudicial e das prisións, pero a reinserción ten que ser unha meta constante, porque todo o noso sistema penitenciario está enfocado a este fin, tal e como recolle a nosa Constitución”. A alcaldesa incidiu neste aspecto e comentou que “aos datos positivos de reinserción se suman os avances desenvolvidos polo sistema penitenciario, polo Ministerio, tamén polas asociacións e ONGs que traballan neste campo. Creo que a visión da sociedade está a cambiar, ao igual que a do traballo que se desenvolve nas prisións coa poboación reclusa, tanto como para abordar temas que hai anos víanse moi lonxe como a xustiza restaurativa”.
Por último, a rexedora comentou que esta data na honra da patroa das prisións debe manter sempre ese obxectivo reivindicativo, para acadar a reinserción na sociedade; “unha sociedade, - dixo -, que ao igual que fan os que traballan nos centros penitenciarios, debe aínda aprender a mirar con outros ollos, lembrando que Merced significa gracia ou perdón, conceptos que deben superar outros como prexuízo, desconfianza, incredulidade ou temor, en beneficio dunha reinserción plena”.
