Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa destaca a promoción turística que supón a Muralla para a cidade nunha xornada sobre este monumento bimilenario

A Alcaldesa destaca a promoción turística que supón a Muralla para a cidade nunha xornada sobre este monumento bimilenario

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística
Mércores, 27 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa destaca a promoción turística que supón a Muralla para a cidade nunha xornada sobre este monumento bimilenario

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores na inauguración da xornada Roldando a Muralla: Xestión, Coñecemento e Desenvolvemento, organizada polo Grupo El Progreso. Ao acto tamén asistiu a presidenta deste grupo, Blanca García, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Previamente, realizaron un percorrido pola Muralla, entre o treito da Mosqueira e a Porta de Santiago.

Na súa intervención, a rexedora destacou a promoción turística que supón a Muralla, o sinal de identidade dos lucenses, para a cidade. Neste senso, lembrou que a declaración deste monumento bimilinario como Patrimonio da Humanidade marcou un antes e un despois no turismo, que se incrementou dende o ano 2000 nun 92%, pasando de recibir a Oficina Municipal de Turismo 3.000 visitantes ao ano a máis de 40.600 o pasado 2015. Lara Méndez agarda que este fito se repita coa declaración de Ben Mundial do Camiño Primitivo e da Catedral.

Así mesmo, a Alcaldesa amosou a aposta do Concello por un turismo sostible, de calidade e accesible que saque potencial do patrimonio da cidade, abandeirado polos tres Patrimonios da Humanidade, tal e como recolle a última campaña posta en marcha pola entidade local, Ven, É Lugo. Para rematar, Lara Méndez, tendeu a man á Xunta de Galicia para entre ambas institucións traballar de forma conxunta na difusión da Muralla, capaz de poñer a Lugo no mapa.

Tras a inauguración tiveron lugar tres ponencias que versaron sobre a conservación e a xestión da Muralla, a investigación arqueolóxica das escavacións do Mitreo e a Porta Miñá e a difusión e dinamización do patrimonio.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-destaca-promocion-turistica-que-supon-muralla-para-cidade-nunha-xornada-sobre-este