Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa destaca o éxito e a implicación total dos lucenses no Arde Lvcvs e agarda que este ano sexa Festa de Interese Nacional

A Alcaldesa destaca o éxito e a implicación total dos lucenses no Arde Lvcvs e agarda que este ano sexa Festa de Interese Nacional

Dado a repercusión destes festexos, indicou que o Concello estuda fixar como festivo local o venres ou o luns posterior á festa, en vez do Martes de Entroido, “posto que en Lugo vívese máis en primeira persoa o Arde Lvcvs”

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Xuventude
Luns, 20 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa destaca o éxito e a implicación total dos lucenses no Arde Lvcvs e agarda que este ano sexa Festa de Interese Nacional

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo este luns un balance “moi positivo” do Arde Lvcvs 2016, que se celebrou dende o pasado xoves ata onte á noite na cidade, onde se reuniron máis de 600.000 persoas, cumprindo deste xeito as expectativas do Goberno. A rexedora subliñou a implicación total do pobo de Lugo, “que se volcou novamente con estes festexos e volveu a saír ás rúas impregnadas da nosa historia e do noso pasado, para que non soamente sexa presente senón futuro, como un elemento vertebrador máis da cidade”.

Neste senso, Méndez subliñou que “queremos vivir do turismo e que este sexa parte do motor económico da cidade, o que pasa por poñer en valor a riqueza que temos, ao que contribúe notablemente o Arde Lvcvs”. A rexedora tamén subliñou o éxito total de participación, coas rúas abarrotadas de xente, “poñendo en valor a cultura romana”, dende nenos a maiores, de asociacións, colectivos e cidadáns volcados coas máis de 400 actividades organizadas.

Declaración Festa de Interese Turístico Nacional

A Alcaldesa confirmou que o Goberno está traballando co obxectivo de que o Arde Lvcvs sexa declarado este mesmo ano Festa de Interese Turístico Nacional, logo de quince anos aumentando o seu poder de convocatoria. Neste punto, Lara Méndez informou de que ao longo desta fin de semana o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, Antonio Madrid, visitou a festa, e se amosou sorprendido pola implicación de toda a cidade.

Catro días de recreación histórica

Este ano e por primeira vez, o Arde Lvcvs durou 4 días, posto que Lugo celebraba o décimo quinto aniversario deste festexos de recreación histórica. Nesta liña, a rexedora subliñou a aceptación que tivo entre os lucenses a prolongación da festa, un aspecto que está aberto á súa consolidación para vindeiras edicións.

Día festivo

Dado o éxito destes festexos, Lara Méndez indicou así mesmo que o Concello estuda fixar como festivo local o venres ou o luns posterior á festa, “un festivo local que se fixará en detrimento do Martes de Entroido, posto que en Lugo vívese máis en primeira persoa o Arde Lvcvs”. A rexedora falou dun “sentir xeneralizado” a favor deste cambio, para o que se terá en conta a opinión dos distintos colectivos da cidade.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a implicación total dos lucenses no Arde Lvcvs | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-destaca-o-exito-e-implicacion-total-dos-lucenses-no-arde-lvcvs-e-agarda-que-este-ano

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200616_balance_arde_lvcvs_alcaldesa.mp3