Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa de Lugo visita o avance das Caldas, “que serán un revulsivo para o ocio no Miño e un novo recurso turístico”

A Alcaldesa de Lugo visita o avance das Caldas, “que serán un revulsivo para o ocio no Miño e un novo recurso turístico”

Lara Méndez supervisou o estado das obras deste equipamento, deseñado para que teña o menor impacto ambiental e paisaxístico e estea integrado na contorna fluvial.

A estrutura levantada deixa ver xa as sete caldas, que serán de uso público e gratuíto, cinco de auga quente e dúas de auga fría, así como o edificio de baños e vestiarios.

  • Tema
    • Desenvolvemento social,
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística,
    • Xestión cultural,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía
Martes, 12 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo visita o avance das Caldas, “que serán un revulsivo para o ocio no Miño e un novo recurso turístico”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, visitaron hoxe as obras das Caldas do Miño, que avanzan ao ritmo previsto. Comezaron no pasado mes de outubro e o prazo de construción é dun ano.

O equipamento, que será de uso público y gratuíto, sitúase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras.

A estrutura levantada deixa ver xa as sete caldas, cinco de auga quente e dúas de auga fría, así como o edificio de baños e vestiarios. A rexedora apuntou que “actualmente xa se finalizou o formigonado das piscinas e estase a recubrir de terra o entorno das mesmas, ao tempo que se executa a impermeabilización, traballos todos eles, que manteñen os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que apostamos”.

Desde un punto de vista medio ambiental, o equipamento execútase tras unha avaliación previa do impacto ambiental co fin de que o proxecto sexa respectuoso e integrado coa localización privilexiada no que se enmarca.

Así mesmo, Méndez lembrou que a auga se quentará a través dun sistema de aerotermia, enerxía que se obtén a partir de fontes naturais e renovables, “reducindo o gasto enerxético e a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo”.

O obxectivo deste proxecto e crear unha nova dotación de recreo para os e das lucenses, que poderán gozar dunhas instalacións eficientes e modernas nun magnífico escenario natural como é a contorna do Miño.

Segundo sostivo Lara Méndez, “as caldas serán tamén un gran revulsivo cultural, ao estar inspiradas nas termas romanas, e un novo recurso turístico, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo, polo que poden converterse nunha  etapa de parada e de descanso para os peregrinos que escollen este itinerario xacobeo, así como para a atracción de visitantes vinculados ao turismo de experiencias, que se atopa en auxe e que nos permitirá captar un turismo de calidade”.

Neste ano, a alcaldesa comentou que non convivirán aínda as caldas coa plataforma fluvial do Miño. “A plataforma estará lista este verán e as caldas estarán rematadas a finais de ano, pero mentres a praia estará só en uso os tres meses de estío, as caldas estarán abertas todo o ano”, explicou.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o avance das Caldas do Miño | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-de-lugo-visita-o-avance-das-caldas-que-seran-un-revulsivo-para-o-ocio-no-mino-e-un

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/120222_avance_caldas_do_mino_1.mp3