Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A alcaldesa de Lugo anuncia que autónomos e empresarios poderán solicitar desde o día 20 as axudas do II Plan de Reactivación Económica

A alcaldesa de Lugo anuncia que autónomos e empresarios poderán solicitar desde o día 20 as axudas do II Plan de Reactivación Económica

O luns, 19, sairá publicado no BOP o anuncio oficial da convocatoria á que o goberno de Lara Méndez destinará 1.060.000 euros, correspondentes ao 1% do orzamento municipal.

 As subvencións serán de 2.000, 1.500 e 1.000 euros por beneficiario dependendo de se o peche dos establecementos é total ou parcial e segundo o número de empregados.

 As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes, obrigatoria e exclusivamente, a través da Sede Electrónica do Concello, que simplifica a tramitación.

O plan da continuidade o Plan Reanima municipal, dotado de 5 millóns, e do que se beneficiaron máis de 3.300 empresarios e autónomos.

Técnicos municipais manterán unha videoconferencia con asesorías lucenses para explicar o novo procedemento, máis áxil, de presentación e resolución de solicitudes.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía
Sábado, 17 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo anuncia que autónomos e empresarios poderán solicitar desde o día 20 as axudas do II Plan de Reactivación Económica

Este martes, 20 de abril, a partir das 9.00 horas, abrirá o prazo para solicitar as axudas do novo plan de axudas directas de Reactivación Económica posto en marcha pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O obxectivo é inxectar liquidez aos sectores máis afectados polas restricións sanitarias da pandemia, a través da que o executivo mobilizará 1.060.000 euros, o que supón o 1% do Orzamento Municipal para este 2021.

Deste xeito, lembrou a alcaldesa, “atendemos o compromiso que adquirimos como Goberno Local tras a negociación fallida coa Xunta, onde os municipios defendiamos que, debido ás graves consecuencias económicas tras varias ondas de contaxios, todas as administracións aportásemos a mesma porcentaxe dos nosos presupostos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha aportación de 116 millóns para salvar empregos en vez dos 75 millóns que finalmente moverá o Goberno galego”.

Será, ademais, o segundo plan que lanza o Concello de Lugo para facer fronte ás consecuencias económicas da Covid-19, tras o Reanima, dotado de cinco millóns de euros e que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, o 15 de marzo, e o primeiro que comezou a pagar as axudas aos sectores. Beneficiáronse del máis de 3.300 empresarios e autónomos.

Para facilitar a tramitación das axudas, os técnicos do Concello organizará este luns, ás 12.00 horas, unha videoconferencia con asesorías lucenses, na que técnicos municipais explicarán polo miúdo as bases da programación, e responderán a todas as dúbidas que poidan xurdir en canto á súa solicitude e pago.

Con estas axudas, o executivo de Lara Méndez reforza a súa aposta por manter o postos de traballo do municipio. As mesmas completaranse co Plan de Dinamización económica dos distintos barrios e sectores da cidade, no que se investirán 1,4 millóns de euros. De xeito paralelo, e para xerar novos postos de traballo, o Concello puxo en marcha a Estratexia Lugo Transforma, un fondo de risco municipal de 12 millóns de euros para atraer ao municipio máis investimentos e empresas co fin de ampliar e diversificar o tecido produtivo. Nun ano, o Concello mobiliza 20 millóns de euros co fin de que o municipio saia reforzado da crise sanitaria, social e económica.

Contías e liñas das axudas

O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes con domicilio fiscal no Concello de Lugo, e que figuren na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) que establecen as bases da programación.

Liña A.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria,  xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

Liña B.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, é de 1.000 € por beneficiario.

Axilización do procedemento

Para este novo Plan de Reactivación, o executivo municipal establecerá un novo procedemento, máis áxil, tanto na presentación das solicitudes por parte dos interesados como para a súa resolución. Así, a concesión non terá a consideración de concorrencia competitiva, dado que polo obxecto e pola finalidade das axudas non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Deste xeito, explicou a alcaldesa de Lugo, “as achegas entregaranse por rigorosa orde de entrada (data, hora, minuto e segundo) das mesmas no rexistro electrónico do Concello, e tras a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados, até o esgotamento do crédito”.

A presentación de solicitudes deberá realizarse a partir do martes, 20 de abril, dende as 09:00 horas dese mesmo día, logo da publicación no BOP do luns do anuncio oficial da convocatoria. A presentación da solicitude de subvención con antelación ao día e hora sinalados anteriormente non será tida en conta.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos e única e exclusivamente a través da Sede Electrónica do Concello de Lugo, accesible a través do enlace https://lugo.gal [1] Na mesma Sede atópase dispoñible o formulario que deberá ser cuberto polo solicitante, asegurándose de encher todos os campos do mesmo establecidos como obrigatorios. De non cubrir o solicitante todos os campos de carácter obrigatorio, a aplicación non procederá a tramitar e formalizar a solicitude.

O acceso ou ruta para formalizar a solicitude mediante a cumprimentación do formulario é o seguinte: https://www.lugo.gal/portal/tramites [2] Logo, no apartado Servizos da Sede, escoller a opción Catálogo de Procedementos e, despois, escoller o Procedemento (A008 – Solicitude de axuda).

Ao formulario deberá anexarse obrigatoriamente a certificación bancaria da titularidade da conta designada polo solicitante para o posterior pagamento da subvención. Se non se achega a devandita certificación bancaria, a aplicación informática non procederá a tramitar e formalizar a solicitude.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible publicarase no taboleiro electrónico do Concello de Lugo unha nota informando desta situación, aos efectos de que non se presenten máis solicitudes. O abono destas subvencións realizarase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión.

Máis info

  • BASES PLAN REACTIVACIÓN 2 gal-01 | Descargar pdf [3]
  • BASES PLAN REACTIVACION 2 cast | Descargar pdf [4]
  • ANEXO II - LISTADO CNAE_gal | Descargar pdf [5]
  • ANEXO II - LISTADO CNAE | Descargar pdf [6]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-de-lugo-anuncia-que-autonomos-e-empresarios-poderan-solicitar-desde-o-dia-20-axudas

Ligazóns:
[1] https://lugo.gal/
[2] https://www.lugo.gal/portal/tramites
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/bases_plan_reactivacion_2_gal-01.pdf
[4] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/bases_plan_reactivacion_2_cast_0.pdf
[5] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/anexo_ii_-_listado_cnae_gal.pdf
[6] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/users/user42478/anexo_ii_-_listado_cnae.pdf