Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Alcaldesa advirte dunha “excesiva politización da Xustiza” na apertura do encontro galaico astur de xuíces e maxistrados

A Alcaldesa advirte dunha “excesiva politización da Xustiza” na apertura do encontro galaico astur de xuíces e maxistrados

Lara Méndez participou na inaguración do congreso, que aborda entre hoxe e mañá a relación entre os medios de comunicación e a linguaxe xurídica

  • Tema
    • Alcaldía
Xoves, 08 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Apertura do encontro galaico astur de xuíces e maxistrados

A Alcaldesa, Lara Méndez, participou este xoves na inauguración do Encontro Galaico Astur de Xuíces e Maxistrados que se celebra en Lugo entre hoxe e mañá baixo a temática Medios de Comunicación e Linguaxe Xurídica. No acto, a rexedora advertiu da “excesiva politización que se está a producir da Xustiza e dos procesos xudiciais”, ademais de reivindicar “a separación dos tres poderes –lexislativo, executivo e xudicial- e do denominado cuarto poder, os medios de comunicación, para que todos exerzan de maneira independente e responsable a súa función”. Lara Méndez subliñou a labor de intermediación que exercen os medios de comunicación entre a Xustiza e a cidadanía e fixo un chamamento á responsabilidade e á mesura.

A Alcaldesa mostrou a súa satisfacción porque Lugo sexa a cidade elixida para celebrar unha nova edición do Encontro Galaico Astur de Xuíces e Maxistrados, que reúne a profesionais de dúas comunidades “con fortes vínculos” e do que resaltou a súa importancia porque “para problemas comúns necesítanse respostas colectivas”. Do congreso, engadiu, “seguro que sairán moitas reflexións para que todos poidamos mellorar”.

Xunto á Alcaldesa, na inauguración do encontro, celebrado no Salón de Actos da Deputación, estiveron os presidentes dos tribunais superiores de xustiza de Galicia e Asturias, Miguel Ángel Cadenas e Ignacio Vidau, e os das audiencias provinciais de Lugo e Oviedo, José Antonio Varela Agrelo e José Antonio Soto Jove, e a ex presidenta da Deputación, Elena Candia.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/alcaldesa-advirte-dunha-excesiva-politizacion-da-xustiza-na-apertura-do-encontro-galaico-astur