Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A adxudicación da derruba do Garañón sitúa próxima a creación do pulmón verde comprometido por Lara Méndez nas Costas do Parque

A adxudicación da derruba do Garañón sitúa próxima a creación do pulmón verde comprometido por Lara Méndez nas Costas do Parque

A Xunta de Goberno outorgará mañá o contrato da demolición das torres por importe de 578.035 euros, que inclúe todas as tarefas a executar.

Xestión Ambiental de Contratas disporá dun mes como máximo para presentar o proxecto e doutros catro para derribar a construción.

A alcaldesa de Lugo avanza así na reposición da legalidade urbanística en todo o ámbito ao tempo que dá continuidade ao Parque de Rosalía de Castro e ao Miño, ampliando o cinto natural da cidade.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Martes, 27 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A adxudicación da derruba do Garañón sitúa próxima a creación do pulmón verde comprometido por Lara Méndez nas Costas do Parque

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de anunciar a adxudicación mañá, en Xunta de Goberno, do contrato mixto para a redacción do proxecto, a dirección facultativa de obra e a demolición do Garañón a Xestión Ambiental de Contratas por un importe de 578.035 euros.

Con esta actuación, a rexedora avanza no cumprimento do seu compromiso para converter o espazo onde se levanta o Garañón nunha zona verde na súa totalidade, “dando resposta a unha demanda social de crear un novo pulmón verde na cidade que lle dea continuidade ás Costas do Parque e ao parque de Rosalía de Castro, ampliando deste xeito o cinto natural de Lugo o que contribuirá a integrar o río Miño na cidade, sendo coherentes co modelo sostible que impulso dende o 2015 e que aposta pola recuperación, renaturalización e creación de novos espazos para o esparexemento e lecer da cidadanía”.

Lara Méndez deu conta de que a empresa adxudicataria disporá de 30 días naturais máximo para presentar o proxecto de derruba e, posteriormente, doutros 120 para executar os labores correspondentes.

O procedemento, que se acometerá por execución subsidiaria, atende á contratación non só do proxecto visado de obras completo, senón tamén á reposición ao estado orixinal dos terreos, a execución das obras, así como a dirección facultativa necesaria das mesmas, que abranguerán a todo o edificado sen título habilitante.

A alcaldesa fixo fincapé en que as bases do contrato contemplan a obrigatoriedade de realizar un seguimento da obra cunha periodicidade mínimo de 15 días, coa intención de controlar o progreso das tarefas e verificar diferentes aspectos. Ademais, durante a execución dos traballos de derruba e acondicionamento da parcela, esta deberá estar debidamente delimitada cun valado de 2 metros de altura en todo o ámbito da URPI 58 que garanta a seguridade e impida o acceso de persoas alleas á mesma.

Ese peche perimetral deberá ser retirado posteriormente, con carácter previo á entrega da obra ao Concello, que se fará en perfectas condicións de limpeza e mesmo coa totalidade da contorna dotada de céspede.

De xeito paralelo a este proceso, o Concello segue a traballar na modificación puntual da unidade Urpi-58 do PXOM que comprende este espazo, mentres se renden contas, trimestralmente, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre os pasos dados para o cumprimento da sentenza sobre a reposición da legalidade urbanística na contorna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación de demolición do Garañón | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/adxudicacion-da-derruba-do-garanon-situa-proxima-creacion-do-pulmon-verde-comprometido-por

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/271222_lara_mendez_-_adxudicacion_demolicion_garanon.mp3