As actividades de verán organizadas polo Concello continúan no mes de agosto
As actividades de verán organizadas polo Concello de Lugo continúan no mes de agosto con novos cursos que se celebrarán nos centros sociais municipais e nas instalacións deportivas.
A piscina municipal de As Pedreiras acollerá nos meses de agosto e setembro os Cursos Intensivos de Natación para nenos de entre 3 e 9 anos. Os cursos abarcan distintos niveis de aprendizaxe e ofertan 102 prazas. Doutra banda, continúan os seguintes cursos da Escola Deportiva Municipal de Verán:
- Piragüismo, que se celebran desde principios de xullo nas instalacións do Club Fluvial;
- Iniciación á Hípica, que se imparte no Club Equus;
- Tiro con Arco, no Colexio das Gándaras todos os luns e os mércores;
- Iniciación ao Tenis, que teñen lugar nas canchas municipais de Frigsa todos os martes e xoves.
Dentro da programación de Animación Sociocultural de Verán deseñada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais, comezan novos cursos que se desenvolverán nos centros sociais.
No Centro Social de Fingoi rematan este luns, día 30 de xullo, os cursos de informática destinados a nenos e a adultos e que comezaron o pasado 16 de xullo. Doutra banda, o día 1 de agosto empeza o curso Exprésome a través da Pintura e da Música, que vai dirixido a nenos de 8 a 12 anos e durará ata o 14 de agosto.
Os pequenos de 4 a 7 anos atoparán no Centro Social de Lamas de Prado a oportunidade de participar na actividade Xogando coas cores e o corpo, que se desenvolverá do 1 ao 14 de agosto.
No Centro Social da Milagrosa o día 1 arrinca un novo curso Gozo da natureza, destinado a nenos pequenos e no que se compaxina o descubrimento da natureza con actividades lúdicas. Este centro acollerá entre o 1 e o 14 de agosto dous cursos de iniciación á informática.
Para os nenos de 4 a 12 anos, no Centro Social Uxío Novoneyra desenvolverase o curso Divírtome cos traballos manuais, a música e o teatro.
Doutra banda, as ociotecas manteñen o seu horario ampliado para que os pais poidan compaxinar o seu traballo coas vacacións escolares, polo que no mes de agosto os nenos de 3 a 12 anos gozarán das ociotecas de Fontiñas, da Milagrosa e do Uxío Novoneyra de 9 a 14 horas pola mañá, e de 16:00 a 20:30 horas pola tarde. Neste mesmo horario, permanecerán abertas en agosto as Aulas Abertas dos centros sociais de Fingoi e da Milagrosa.
