Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Aclaración do Concello de Lugo sobre o Arde Lvcvs

Aclaración do Concello de Lugo sobre o Arde Lvcvs

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo
Mércores, 15 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Arde Lvcus é unha festa municipal, creada e organizada pola concellería de Xuventude do Concello de Lugo en 2002,  promovendo e contando coa participación e implicación das Asociacións de Recreación Histórica e do tecido cultural e educativo da cidade.

Non é unha festa do PSOE nin do PP, nin tampouco é, ou non debera ser, unha festa en venda. Senón que se trata dunha celebración patrimonio de Lugo cuxo éxito obedece a que, cada ano, todas e todos os lucenses suman os seus esforzos para mellorala e incrementar o seu atractivo de xeito colaborativo e consensuado.

A verdadeira vontade de contribuír ao mantemento, proxección e difusión desta festa pasa, como toda colaboración institucional, pola lealdade e pola transparencia, non pola organización paralela de eventos de xeito alleo e de costas á administración titular que impulsou a celebración.

De ser así, e non ao contrario como semella, o primeiro paso, xa por deferencia, debera ter sido a comunicación directa co Concello para a preparación de calquera acción promocional relacionada co Arde Lvcvs pero, sobre todo, dende o respecto á potestade que as entidades locais temos para escoller os recursos turísticos que se expoñen na Feira de Turismo Internacional. Algo que non sucedeu.

Existen moitas formas de involucrarse e de cooperar coa divulgación do folclore e da cultura local, que se é dun xeito ben intencionado nunca debe levarse a cabo pola porta de atrás.

O Concello non pode máis que agradecer a participación de todas e cada unha das persoas, entidades, colectivos e empresas que fan posible a organización da festa cada ano e cuxo patrocinio resulta fundamental para a súa viabilidade.

O custo do Arde Lvcvs en 2024 ascendeu a 633.311 euros dos que 40.000 € (o 6’31%) se corresponden coa achega da administración autonómica, polo que a súa colaboración pode ter aínda moito percorrido oficial, se así o desexa.

Unha mágoa que, como ven sucedendo en clave local dende os últimos dous anos, a fórmula escollida para facelo sexa fomentando a ruptura e a crispación social, nunca en beneficio do interese xeral senón coa única estratexia do “divide e vencerás”.

Audio

  • Jorge Bustos, sobre o Arde Lvcvs | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/aclaracion-do-concello-de-lugo-sobre-o-arde-lvcvs

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/150125_jorgebustos_ardelvcvs_0.mp3