Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Abre un novo ciclo de charlas para pais do programa Aprender para educar

Abre un novo ciclo de charlas para pais do programa Aprender para educar

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación, dirixida por María Dolores Vieiro, e a Asociación Sociopedagóxica Galega, porán en marcha a próxima semana unha nova edición do programa “Aprender para educar”.

Trátase dunha serie de conferencias formativas para pais e nais do Concello de Lugo. A súa finalidade é servir de plataforma para adquirir novos coñecementos e para poñer en común inquedanzas e problemas que fagan que xurda unha dinámica de grupo que logre solventar moitas das dúbidas actuando como educadores dos fillos e fillas.

Como en anteriores edicións, estas charlas desenvolverán temas de interese e de actualidade nas escolas.

A primeira destas conferencias estará a cargo de Miguel Ángel Santos Guerra, que é catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Málaga. Nesta primeira conferencia plantexaranse o apoio aos educadores e educadoras buscando un ensino de calidade. Leva por título A favor da escola.

Serán un total de catro conferencias que abordarán outros temas como a Axenda 21 local, a alfabetización dixital e a estimulación temperá. Todos estas cuestións serán tratadas por especialistas de prestixio.

O programa das conferencias, que se celebrarán no Centro Social Uxío Novoneyra, pode consultarse na web municipal, www.lugo.es [1]. Éstas terán lugar a partir das oito da tarde e o Concello oferta un servizo de gardería a todos aqueles pais e nais que desexen acudir ás conferencias.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/abre-un-novo-ciclo-de-charlas-para-pais-do-programa-aprender-para-educar

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es