Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Abre o prazo de inscrición para a terceira edición do programa Lugo Social

Abre o prazo de inscrición para a terceira edición do programa Lugo Social

  • Tema
    • Economía
Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Promoción Económica, Emprego e Comercio, que dirixe Eva Real, abriu o prazo de inscrición para a terceira edición do proceso formativo Lugo Social.

Nesta ocasión serán tres novas liñas de formación sobre paisaxismo e xardinería ornamental, auxiliar de servizos de rehabilitación e carpintería metálica.

Serán un total de 20 prazas para cada un dos cursos e o prazo de inscrición xa está aberto. Como sempre pode facerse nas oficinas de Promoción Económica do Concello, na Escola para o Emprego ou no Rexistro.

Como sempre, esta formación está dirixida de forma prioritaria a tres colectivos con problemas de integración laboral, mozas e mozos en risco de exclusión social, mulleres con cargas familiares e inmigrantes.

As primeiras dúas edicións do programa contaron cun importante número de participantes e os resultados foron moi positivos. Espérase o mesmo resultado desta nova convocatoria na que se ofrecen proxectos de emprego para cada un dos beneficiarios. Terán dereito a unha beca de até o 75% do IPREM, o que supón uns 360 euros.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/abre-o-prazo-de-inscricion-para-terceira-edicion-do-programa-lugo-social