Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Aberto o prazo para pedir permiso para as fogueiras de San Xoán

Aberto o prazo para pedir permiso para as fogueiras de San Xoán

As solicitudes, que están a disposición das persoas interesadas nas dependencias da Policía Local, poden presentarse ata as 13:00 horas do venres, 21 de xuño, nestas mesmas instalacións municipais

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Martes, 11 de xuño de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberto o prazo de solicitude para pedir permiso para a celebración das tradicionais fogueiras de San Xoán, segundo o bando de Alcaldía, no que tamén se recollen as normas ás que se teñen que axustar as fogatas do Lume Novo. As solicitudes, que están a disposición das persoas interesadas nas dependencias da Policía Local, poden presentarse ata as 13:00 horas do venres, 21 de xuño, nestas mesmas instalacións municipais.

No bando, prohíbese a queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tamén queda prohibido o lanzamento de foguetes.

As fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo. Tampouco se poderán facer dentro do recinto do casco histórico.

A persoa responsable ou responsables, e as e os organizadores de cada fogueira están obrigados a retirar do lugar de celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima.

En caso de incumprimento do indicado ou de queixas fundamentadas da veciñanza, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios, e a requirimento da Policía Local, a extinguir de inmediato a fogueira.

Audio

  • O edil Miguel Fernández sobre os permisos para o San Xoán | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/aberto-o-prazo-para-pedir-permiso-para-fogueiras-de-san-xoan

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110619_fernandez_lumenovo.mp3