Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Aberto o prazo para participar no concurso de decoración de escaparates e establecementos no Nadal 2015

Aberto o prazo para participar no concurso de decoración de escaparates e establecementos no Nadal 2015

O Concello, en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo e coa Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, pon en marcha este certame para promover a creatividade dos empresarios e para fomentar o espírito do Nadal

Os establecementos comerciais e de hostalería interesados en participar poden inscribirse de xeito gratuíto ata o día 11 de decembro ás 15:00 horas no teléfono 010, no 982-25-51-20 ou no 982-22-69-12

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Comercio
Sábado, 05 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberto o prazo de inscrición para participar no concurso de decoración de escaparates e establecementos no Nadal 2015. Trátase dun certame que pon en marcha a entidade local en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo e coa Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo para promover a creatividade dos empresarios de xeito que os seus establecementos sexan máis atractivos e fomenten o espírito do Nadal.

Todos os establecementos comerciais e de hostalería que se encontren situados no termo municipal de Lugo interesados en participar poden inscribirse de xeito gratuíto ata o vindeiro venres, 11 de decembro, ás 15:00 horas. Os interesados deberán formalizar a inscrición ben no servizo de información municipal 010 ou nos teléfonos da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, 982-25-21-20 e 982-22-69-12, respectivamente.

Establécense un total de catro premios para catro establecementos seleccionados por un xurado profesional, un primeiro premio para un establecemento de comercio e outro para un establecemento de hostalería de 800 euros cada un, un segundo premio para un establecemento de comercio ou hostalería de 400 euros e un terceiro de 200 euros. Todos os locais premiados recibirán tamén un diploma e serán publicitados nos medios como gañadores. Non poderá ser premiado máis dun establecemento pertencente a unha mesma cadea comercial.

Todos os escaparates e establecementos deberán estar rematados antes do día 16 de decembro debendo permanecer decorados ata o 7 de xaneiro. Nos escaparates deberá colocarse un distintivo, facilitado polo Concello de Lugo, no que se acredite a participación do establecemento neste concurso.

O xurado estará integrado por un fotógrafo, un decorador e un escapartista que valorarán os materiais empregados, a dificultade do proceso de elaboración, a orixinalidade, o emprego de elementos da propia actividade e a ornamentación e a vistosidade do traballo.

Máis info

  • Web municipal www.lugo.gal [1]
  • Bases do concurso de decoración de escaparates e establecementos no Nadal 2015 |Descargar pdf [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/aberto-o-prazo-para-participar-no-concurso-de-decoracion-de-escaparates-e-establecementos-no

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/bases_concurso_escaparates_nadal_0.pdf