Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Aberto o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar

Aberto o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar

As familias interesadas deberán presentar a solicitude até o 7 de setembro no rexistro xeral do concello, doutra administración pública ou por vía telemática

Felipe Rivas: “o Concello de Lugo fai anualmente un gran esforzo en cubrir unha responsabilidade que a Xunta de Galiza deixa de lado”

  • Tema
    • Educación
Luns, 17 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aberto o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou que se abre o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar para familias con escasos recursos no segundo ciclo de educación infantil para o curso 2020-2021. Felipe Rivas indicou que “as actuacións en materia de educación son competencia da Xunta de Galiza”, e engadiu que “desde o Concello de Lugo estamos a realizar un importante esforzo económico para que as familias con baixos recursos poidan contar con estas axudas, mais traballaremos tamén en que a Xunta asuma as competencias que lle son propias e deixa de lado”.

Felipe Rivas informou que dende a concellería de Educación se repartirán un total de 40.000€ en axudas individuais de 100€ a persoas que estean empadroadas en Lugo, para investir nas librerías do concello en libros de texto e material escolar para os alumnos e alumnas matriculadas en centros sostidos con fondos públicos. As axudas adxudicaranse aos solicitantes cuxa renda familiar non supere 0.66 veces o IPREM, sendo o único criterio a contía da renda de menor a maior. No caso de non cubrirse todas as solicitudes, continuaranse adxudicando ás beneficiarias cuxa renda familiar anual non supere  0.80 veces o IPREM.

O concelleiro de Educación indicou que para realizar as solicitudes as persoas interesadas deberán presentar a solicitude e a documentación requirida no rexistro do Concello, preferentemente por vía telemática, presencialmente no concello, solicitando cita previa no 010 ou noutras administracións até o 7 de setembro.

Audio

  • Felipe Rivas. sobre as axudas para libros de texto e material escolar | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/aberto-o-prazo-de-solicitude-das-axudas-para-libros-de-texto-e-material-escolar

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200817_felipe_rivas_axudas_material_escolar.mp3