As 87 empresas e asociacións beneficiarias do (Con) trato feito! reciben instruccións no CEI-NODUS
Nos vindeiros 10 días procederase á contratación dos desempregados e desempregadas, que comezarán a traballar nestas entidades e colectivos por un período dun ano
A Alcaldesa destacou o éxito de convocatoria deste plan de emprego e fixo fincapé en que se crearán 87 postos de traballo de calidade, pois para a selección das empresas e asociacións se primaron as cláusulas sociais
- Tema
- Emprego,
- Emprendemento,
- Fomento do emprego
Representantes das 87 empresas e asociaciacións beneficiarias do (Con) trato feito! tomaron parte nunha xuntanza informativa que tivo lugar este mércores no Salón de Actos do CEI-NODUS e na que técnicos municipais lles detallaron os seguintes pasos no desenvolvemento deste primeiro plan de emprego 100% municipal.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen se achegou a saudar aos seleccionados do plan acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou a preocupación do Goberno Local polo emprego, independentemente de non ter competencias propias na materia, que residen na Comunidade Autónoma, ao tempo que adiantou que con este plan de emprego se intentar aportar "un gran de area" e unha esperanza aos desempregados lugueses.
Ademais, a rexedora destacou o éxito da convocatoria do (Con) trato feito!, quedando moitas empresas e colectivos fóra, dado que se acadou o orzamento orzamentario, e fixo fincapé en que se crearán 87 postos de traballo de calidade, pois para a selección dos beneficiarios se primaron as cláusulas sociais e as melloras que en beneficio do traballador. Méndez, quen agarda que os postos perduran no tempo e vaian máis aló do ano no que a entidade local subvenciona a contratación, afirmou que a través deste plan se da un paso para contribuír a reactivar a economía luguesa, o que pasa pola creación de emprego.
A partir de hoxe e ao longo de 10 días naturais, é dicir, ata o 13 de xaneiro, será o prazo de contratación dos desempregados e desempregadas, que asinarán un contrato por un período dun ano. As 75 empresas e 12 asociacións seleccionadas deberán entregar neste mesmo prazo a documentación de aceptación da subvención e de xustificación da contratación efectuada.
O Concello destina preto de 916.000 euros para as empresas e preto de 218.600 euros para os colectivos. Para a primeira das liñas son subvencionables o 70% dos custos salariais e para a segunda, o 100%. Trátase dun plan que intenta axustar a oferta á demanda real, co que o Concello busca facilitar a empregabilidade de calidade e en boas condicións salariais no municipio.
Audio
- Lara Méndez, sobre as 87 empresas e asociacións beneficiarias | Descargar mp3 [1]