Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 600 escolares de Lugo reciben como agasallo de Nadal unha planta de castiñeiro do novo bosque urbano municipal das Gándaras

600 escolares de Lugo reciben como agasallo de Nadal unha planta de castiñeiro do novo bosque urbano municipal das Gándaras

A alcaldesa Lara Méndez sostivo que “tras este duro ano, entregamos unha semente de ilusión para 2021 relacionada co Lugo no que estamos a traballar, máis verde e sostible”

Distribuíronse plantas en tubo, creadas en laboratorio polo Campus Terra a raíz de células recollidas no souto do Lugo+Biodinámico, o que permite preservar a biodiversidade

O obxectivo desta iniciativa é contribuír á concienciación dos escolares e das familias da importancia para a cidade e para o planeta de coidar e respectar o medio natural

A rexedora fixo a entrega no colexio Luis Pimentel acompañada por representantes da Universidade e da Deputación, socios do Concello de Lugo na estratexia LIFE

  • Tema
    • Educación,
    • Centros de ensino,
    • Formación,
    • Urbanismo
Luns, 21 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
600 escolares de Lugo reciben como agasallo de Nadal unha planta de castiñeiro do novo bosque urbano municipal das Gándaras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola deputada Pilar Porto e de Juan Luis, Fernández, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo e integrante do Grupo de Investigación do Campus Terra, fixeron entrega á dirección do colexio dun agasallo moi especial de Nadal no CEIP Luis Pimentel, un planta de castiñeiro do souto do novo bosque urbano das Gándaras nun acto que simbolizou o envío de 600 plantas a todos os colexios do municipio.

A rexedora explicou que “se todo inicio de ano é sempre unha luz de esperanza por unha nova etapa que comeza, tras este duro e complexo 2020, queremos entregar aos nenos e nenas e ás súas familias un pequeno agasallo que supoña unha semente de ilusión de cara a 2021”. Aclarou, ademais, que “é unha semente relacionada co Lugo no que estamos a traballar para acadar unha cidade máis verde e sostible, máis sa para toda a veciñanza e que sexa máis resiliente co fin de saír reforzados dos danos causados polo cambio climático”.

As plantas entregáronse en tubo xa que “foron producidas en laboratorio polo Campus Terra a partires de anacos pequenos (unhas poucas células) que se recolleron, con moito agarimo, dalgunhas árbores de castiñeiro plantadas no souto do LIFE Lugo+Biodinámico”, sostivo Lara Méndez, que agradeceu e puxo en valor o traballo de investigación realizado polo equipo da Universidade implicado na creación do bosque urbano das Gándaras. 

Cómpre lembrar que neste espazo desenvolvéronse un Arboretum con 15.000 exemplares e  cultivos enerxéticos pensando no impulso do sector forestal, e reproducíronse tamén oito bosques autóctonos galegos que albergan 55 especies arbóreas e arbustivas diferentes, ademais de recuperar un humidal que forma parte do Parque Lineal Verde que envolve toda a cidade. “Este bosque urbano xa supuxo unha mellora dos indicadores ambientais dos polígonos das Gándaras e do Ceao. E é, desde logo, un refuxio para a biodiversidade e unha zona que pronto abriremos para goce da poboación lucense” subliñou a alcaldesa.

A través desta iniciativa repartíronse un total de 600 exemplares nos centros de infantil e primaria do municipio co obxectivo de contribuír á concienciación dos escolares e das familias ao coido do medio ambiente. “É importante que traballemos xa dende a infancia co obxecto de que os nenos e nenas coñezan a importancia de contribuír unidos a deixar, aos que nos sucedan, un mundo mellor. E as familias son as mellores aliados neste labor por amosarlles o amor pola nosa terra”, incidiron Lara Méndez e Pilar Porto.

Lugo, á vangarda na loita contra o cambio climático

O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.

Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a entrega de plantas de castiñeiro, no marco do proxecto LIFE | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/600-escolares-de-lugo-reciben-como-agasallo-de-nadal-unha-planta-de-castineiro-do-novo-bosque

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/211220_entrega_de_plantas_de_castineiro_no_marco_do_proxecto_life.mp3