Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 50 operarios e 25 máquinas acometen tarefas de desbroce en todo o municipio

50 operarios e 25 máquinas acometen tarefas de desbroce en todo o municipio

Esta semana continúa a roza do entorno do HULA e comezará a do polígono das Gándaras

  • Tema
    • Medio rural,
    • Medio ambiente
Luns, 03 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
50 operarios e 25 máquinas acometen tarefas de desbroce en todo o municipio

Entre os distintos operativos que ten en marcha a día de hoxe o Concello de Lugo, están a acometer labores de roza no municipio uns 50 operarios e 25 máquinas. Así o sinalou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen destacou que, no marco destes traballos, esta semana comezará o desbroce no polígono industrial das Gándaras, que, aínda non sendo de competencia soamente municipal, pois é preciso artellar un instrumento de xestión a tres bandas, entre entidade local, Xestur e propietarios das parcelas para o mantemento do parque empresarial, o Goberno decidiu asumir nos últimos anos as tarefas de roza.

Así mesmo, segue o desbroce iniciado a finais da pasada semana no monte comunal titularidade do Concello situado no entorno do HULA, en fronte á entrada ao servizo de Urxencias. Tamén se vén de rozar o entorno do depósito de auga de Penarrubia.

O servizo municipal de recollida de lixo e limpeza viaria, do que se ocupa Urbaser, ten unha planificación mensual dos traballos de desbroce a realizar, polo que fai tarefas todos os días do ano. Durante o mes de agosto o plan incluíu Augas Férreas, Acea de Olga e o entorno do punto limpo. Os sábados dedícanse a atender as incidencias que chegan ao Concello, tendo en conta a súa prioridade, data de entrada e localización.

A maiores, o Concello reforzou este ano os traballos coa contratación dunha empresa para o desbroce de fincas municipais situadas en rústico e montes comunais, que tamén está a desempeñar tarefas noutras zonas, como será o polígono das Gándaras. Conta durante o verán con dúas brigada forestais, que tamén desempeñan labores de roza no ámbito urbano. Tamén ten en marcha o plan de desbroce da zona rural.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre os desbroces | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/50-operarios-e-25-maquinas-acometen-tarefas-de-desbroce-en-todo-o-municipio

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030818_desbroces_-_daniel_pineiro.mp3