Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 39 artistas plásticos colaboran nunha exposición colectiva en favor da Sociedade Protectora de Animais de Lugo

39 artistas plásticos colaboran nunha exposición colectiva en favor da Sociedade Protectora de Animais de Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Martes, 17 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A exposición, inaugurada hoxe, poderá verse ata o 2 de maio na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca o “grande nivel artístico” da exposición e a súa “vertente solidaria”

Unha exposición colectiva de artistas plásticos da talla de Bordel, Caxigueiro, Macía, Isabel Somoza, Eduardo Zurita, Xermán Refojo ou Santiago Catalán recadará fondos para a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. A mostra, que foi inaugurada hoxe, poderá verse ata o 2 de maio na Sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.

Un total de 39 artistas cederon as súas obras para esta mostra, na que colabora a área de Cultura do Concello de Lugo. Na inauguración desta iniciativa, o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou “o grande nivel artístico da mostra” e a súa “vertente solidaria”. Os artistas que participan na exposición doaron as súas obras para que os beneficios obtidos pola súa venda vaian a parar á Protectora de Lugo.

Segundo explicou o seu presidente, Javier García Calleja, a Protectora lucense atente nestes momentos a máis de 400 animais. O número de animais atendidos duplicouse nos últimos dous anos, polo que a Sociedade carece dos fondos necesarios para chegar a fin de ano, segundo expuxo o seu presidente. Con esta iniciativa preténdese tamén “chamar a atención da sociedade sobre o abandono dos animais”.

Obras para todos os petos

O coordinador da exposición, Antonio Prado, explicou que esta mostra chega xa á súa sexta edición pero que levaba 6 anos sen facerse. Entre as obras, todas elas de grande calidade artística, hai pintura, gravado ou fotografía de estilos moi variados, dende estilos máis clásicos a estilos vangardistas. Os seus prezos oscilan entre os 50 e os 300 euros.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/39-artistas-plasticos-colaboran-nunha-exposicion-colectiva-en-favor-da-sociedade-protectora--2