Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 3.000 estudantes lucenses participan no Correlingua 2018, que en Lugo recalará este mércores, co apoio do Concello

3.000 estudantes lucenses participan no Correlingua 2018, que en Lugo recalará este mércores, co apoio do Concello

O Correlingua é un evento de promoción do uso do galego dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato menor de 20 anos, que se celebra nos centros educativos de toda Galicia, que mobilizará a preto de 3.000 estudantes de 56 centros lucenses

Lugo acollerá actividades o día 9 de maio; en Mondoñedo o 10 e en Monforte de Lemos o 14 de maio. En todas estas cidades lerase o manifesto “Rapea que a lingua non para”

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Educación
Luns, 07 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
3.000 estudantes lucenses participan no Correlingua 2018,  que en Lugo recalará este mércores, co apoio do Concello

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a Deputada de Cultura, Pilar García, presentaron este luns no Pazo de San Marcos o Correlingua 2018, que este ano arrancará baixo o lema A lingua non para, un evento de promoción do uso do galego dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato menor de 20 anos, que se celebra nos centros educativos de toda Galicia. En total, mobilizará no mes de maio a preto de 3.000 estudantes da provincia de Lugo, dun total de 56 centros educativos, no que se inclúen tamén 2 de Ourense.

No acto, no que tamén estiveron presentes a Concelleira de Cultura, Ensino, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos, Marina Doutón, e o Coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo, Manuel Muñiz Besteiro, Carmen Basadre afirmou “que a nosa lingua forma parte da nosa identidade cultural, o que nos identifica como pobo e como país”. Nesta liña emprazou á Xunta de Galicia “a traballar a prol do noso idioma”, que cualificou como “o máis bonito do mundo, por iso, é a nosa obriga mantelo”, insistiu.

Pola súa banda, a Deputada remarcou que “con esta iniciativa seguimos traballando e sumando esforzos en prol da nosa lingua, como elemento imprescindible e reivindicativo da nosa cultura e da nosa historia”. García Porto avanzou “que a Praza de Santa María acollerá en Lugo esta carreira o día 9 de maio, e a Praza da Catedral de Mondoñedo será o escenario das actividades o día 10, e, por último, o día 14 de maio no Parque dos Condes de Monforte de Lemos celebrarase esta nova edición do Correlingua”.

A Concelleira de Cultura, Ensino, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos, Marina Doutón Rajo felicitou ao Correlingua “por cumprir 18 anos” e explicou que en Monforte de Lemos “participan alumnos de toda a Comarca, e tamén de Concellos da provincia de Ourense”, tamén convidou a toda á mocidade a falar galego, e a participar neste evento cultural imprescindible.

Premiados

O Coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo, Manuel Muñiz Besteiro, lembrou “que a escola, en moitos casos, é a unica relación que manteñen os alumnos co noso idioma, por iso parafraseando o lema deste ano “A lingua non debe parar”, porque senón pode desaparecer”. Ademais, relatou as propostas gañadoras neste edición 2018 nas diferentes modalidades. En vídeo de primaria e infantil venceu o alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela), e no de secundaria e bacharelato o alumnado da ESO do CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense. No Manifesto, gañou o alumnado de 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). E en Banda deseñada o alumnado de 5ºB do CEIP Albeiros de Lugo.

Actividades

A programación deste ano 2018 inclúe actividades nun total de 12 Concellos de Galicia cos de Lugo, son os seguintes; Bueu, A Estrada, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Tomiño, Ourense, Ferrol e Vigo. Os preto de 3.000 alumnos dos 56 centros educativos da provincia, nos que se inclúen tamén 2 de Ourense, participarán nas actividades que están programadas para este ano e que arrancarán co lema, “A lingua non para”. En cada xornada celebrarase unha carreira, lerase o manifesto realizado polos alumnos de 3º C do IES Antón Fraguas, gañador do Correlingua 2018, “Rapea, que a lingua non para”, e tamén haberá actuacións musicais a cargo da Orquesta Cé Pantasma, e entregaranse os premios do concurso de pancartas.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/3000-estudantes-lucenses-participan-no-correlingua-2018-que-en-lugo-recalara-este-mercores-co