Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 2025 bate de novo o récord de usuarios no bus urbano, con 2.350.924 billetes expedidos, 131.612 máis que no 2024

2025 bate de novo o récord de usuarios no bus urbano, con 2.350.924 billetes expedidos, 131.612 máis que no 2024

Rubén Arroxo: "o bus urbano non deixa de medrar, tomamos nota das peticións da veciñanza e no 2026 traballaremos na renovación do contrato cun proceso aberto á participación da veciñanza".

11 dos 12 meses de 2025 superaron a marca de 2024, o "ano récord" ata o momento.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Buses urbanos,
    • Transporte,
    • Tráfico
Sábado, 10 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
2025 bate de novo o récord de usuarios no bus urbano, con 2.350.924 billetes expedidos, 131.612 máis que no 2024

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo e edil responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, fixo balance dun "2025 histórico" no transporte público da cidade. O ano 2025 pechou con 2.350.924 billetes expedidos, e 11 dos 12 meses do ano superaron a marca de 2024. Isto deixa un balance de 131.612 billetes expedidos máis en 2025 que no 2024, que pechou con 2.219.312 billetes, e con 5 meses superando os 200.000 billetes expedidos: maio, xuño, setembro, e novembro, que superaron esta marca por primeira vez no 2025, ademáis de outubro, mes no que o bus urbano rexistrou máis usuarios no 2025, con 230.839 billetes expedidos.

Arroxo afirmou que "a veciñanza cada vez aposta máis polo transporte público, e é o noso traballo facilitar que as e os lucenses poidan seguir a apostar por un medio de transporte cómodo, sinxelo e rápido". O tenente de Alcalde lembrou que o 2026 a Tenencia de Alcaldía traballará nun novo prego para o bus urbano "que nos permita ter máis quilómetros e máis liñas, e cubrir moitas das peticións que xa temos", explicou Arroxo, que engadiu "sabemos que o bus urbano ten un problema, o contrato que temos en vigor que non se axusta ás demandas de Lugo aínda aproveitándoo ao máximo, como estamos a facer". O contrato actual limita os quilómetros e non permite contar con máis liñas ou máis horarios aínda existindo demanda.

O novo prego do transporte público permitirá comunicar Lamas de Prado e Abella co sur de Lugo, unir o Cemiterio co norte da cidade e mellorar a puntualidade de liñas como as 5 ou as 1. Ademáis, aumentaranse os horarios, especialmente en liñas que achegan á veciñanza aos postos de traballo, como as do Ceao "e mellorarase a integración dixital, integrando o transporte público en aplicacións como Google Maps e aumentando a rede de pantallas nas paradas", explicou Rubén Arroxo.

O tenente de Alcalde anunciou tamén que o proceso de elaboración do novo prego de transporte público contará cun proceso de participación aberta "para que calquera veciña ou veciño de Lugo poida achegar as súas suxestións", explicou. Segundo Rubén Arroxo, "nun momento coma este no que está a haber unha clara aposta por parte da veciñanza de Lugo polo transporte público, debemos estar á altura, e esta é a oportunidade para que Lugo teña o gran modelo de bus urbano que precisa".


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/2025-bate-de-novo-o-record-de-usuarios-no-bus-urbano-con-2350924-billetes-expedidos-131612