A Xunta de Goberno acorda o aumento do 1% das retribucións do persoal municipal

Mércores, 13 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno acordou na sesión deste mércores o incremento das retribucións do persoal ao servizo do Concello nun 1%, de acordo co establecido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado deste 2017. Segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, o aumento aplicarase con carácter retroactivo, dende o mes de xaneiro, e estanse a facer os trámites precisos para que o abono se efectúe na nómina de setembro.

Por outra banda, Fernández deu conta da inadmisión aprobada pola Xunta de Goberno de dúas solicitudes de bonificación do imposto de construción para dúas naves do polígono industrial das Gándaras porque a petición foi efectuada tras a derogación da ordenanza que establecía as devanditas bonificacións, unha medida aprobada polo Pleno a principios do ano pasado, que acordou aplicar estas rebaixas ás explotacións gandeiras.

Así mesmo, a Xunta de Goberno, indicou o voceiro, aprobou a concesión de 8 licenzas urbanísticas: unha para a legalización da planta semisoto dun almacén de maquinaria e vehículos na rúa da Terra; unha para a construción dunha nave para explotación gandeira en San Xoán do Campo e dúas para a ampliación de explotacións de gando en Santa Cristina de San Román e San Xoán do Campo; unha para a construción dunha vivenda unifamilar na Rúa Couto Grande; unha para a reforma interior dun local para o seu uso como vivenda na rúa Pintor Laxeiro; e dúas para a instalación de ascensores en Serra Gañidoira e Montevideo.

Noticias relacionadas