O Foro de Participación Cidadá en Materia de Igualdade convoca unha concentración para o próximo 8 de marzo baixo o lema A crise ten xénero feminino

Martes, 02 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, explicou hoxe como Presidenta do Foro de Participación Cidadá en Materia de Igualdade do Concello de Lugo a decisión do mesmo de convocar unha concentración para o próximo luns 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, baixo o lema A crise ten xénero feminino.
 
Trátase, tal e como resaltou a Concelleira, de facer un chamamento a todas e todos os lucenses para que participen na concentración que terá lugar na Praza Maior ás 20:00 horas diante do Concello para reclamar os dereitos das mulleres.
 
A concentración está respaldada por todos os integrantes do foro: sindicatos, inmigrantes, colexio médico, Cogami, mulleres rurais e os partidos políticos con representación no Concello.
 
Así mesmo, Carmen Basadre desgranou os aspectos que recollerá o manifesto que se lea con motivo da concentración e que pasan por:
 
- Facer referencia á discriminación de xénero no terreo laboral e naquelas tarefas derivadas do coidado e reprodutivos.

- É imprescindible actuar no ámbito laboral e social para que os tempos de vida e de traballo sexan compartidos facendo máis fácil a conciliación da vida laboral e persoal de homes e mulleres.

- É preciso reforzar as políticas de igualdade promovendo os necesarios cambios en valores e actitudes sociais adxudicados a homes e mulleres que contribúan nunha maior sensibilización e intervención na prevención, tratamento e erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, incluído o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no ámbito laboral.

- Hai que continuar demandando unha maior participación e representación das mulleres nos distintos ámbitos de decisión públicos e privados, que posibilite unha representación social, equilibrada entre mulleres e homes, asegurando especialmente a presenza de mulleres nos ámbitos de representación e negociación colectiva.

- É preciso denunciar o teito de cristal que limita a equiparación das mulleres cos homes, sobre todo no ámbito político, económico, social e intelectual, que afecta aínda máis ás mulleres que contan cunha dobre ou tripla discriminación como son as mulleres con algunha discapacidade, de etnia xitana, inmigrantes,...

Finalmente, a Concelleira explicou que o manifesto que será redactado tendo en conta as anteriores liñas, será lido pola xornalista lucense e subdirectora de Radio Lugo, Loli Alvariño.

Asesoría GLTB
Noutra orde de cousas, a Concelleira anunciou que mañá comeza a funcionar un novo servizo que ofrece o Goberno Local. Trátase dun servizo de asesoramento, orientación, información e mediación para gays, lesbianas, transexuais e bisexuais, que estará en funcionamento todos os mércores de 17.00 horas a 21.00 horas no primeiro andar do Centro de Convivencia Maruja Mallo.

Multimedia

Noticias relacionadas