O Concello non formalizará a recepción do novo auditorio ata que non se confirme que cumpre co proxecto

Os informes serán realizados por servizos técnicos do concello ou empresas externas

É un trámite realizado na recepción de calquera tipo de obra por parte do concello

Mércores, 24 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello non formalizará a recepción do novo auditorio ata que non se confirme que cumpre co proxecto

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou no día de hoxe que por parte do Concello non se formalizará a recepción do novo auditorio ata que non se faga “a correspondente auditoría técnica que confirme que a obra cumpre coas condicións prescritas no proxecto”.

“Dada a magnitude da instalación, os informes deberán ser realizados por varios servizos técnicos do concello, e no caso de existir algunha dotación con especificidades técnicas, incluso se poderían encargar informes externos a empresas especializadas” indicou Arroxo, e engadiu que “este trámite, que se realiza na recepción de calquera tipo de obra por parte do Concello,  cínguese á legalidade vixente”.

Segundo o Tenente de Alcalde, “antes da recepción da obra, técnicos municipais ou empresas externas realizarán unha minuciosa inspección para cursar os correspondentes informes, e sen este paso previo a obra non poderá ser recepcionada”.

En relación á conexión eléctrica, o convenio asinado entre Xunta e Concello estabelece con claridade que a contratación do subministro eléctrico, de gas e de auga, corresponde ao concello como titular, unha vez se proceda á recepción do inmoble.

Audio

  • O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a Xunta de Goberno | Descargar mp3

Noticias relacionadas