O Concello de Lugo pechou 2010 cun superávit de 1.200.000 euros e un remanente de tesourería de 11.200.000 euros

Xoves, 29 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía tamén informou á Comisión de Contas de que no primeiro semestre deste ano o superávit é de 7 millóns de euros

Sonia Méndez salientou que a economía do Concello está saneada froito dunha xestión responsable tanto en época de bonanza como en situación de crise

O Concello de Lugo pechou o ano 2010 cun superávit de 1.200.000 euros e un remanente de tesourería de 11.200.000 euros, segundo informou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, trala xuntanza que celebrou esta mañá a Comisión de Contas.

A Concelleira destacou que “as contas reflicten unha economía saneada froito de que somos un Goberno responsable que conseguimos ter unhas contas equilibradas tanto en época de bonanza económica como en situación de crise, polo que podemos presumir de ter unhas contas saneadas nunha época na que outras administracións están a facer recortes brutais, que no Concello de Lugo non foron necesarios, xa que diriximos a nosa economía con sentido común”.

Nunha breve sesión, que durou só cinco minutos, a Comisión aprobou definitivamente as Contas do ano 2010, coa abstención do Partido Popular, e tamén foi informada da execución orzamentaria no segundo trimestre de 2011.

Sonia Méndez destacou a importancia da aprobación en tempo das contas municipais para envialas en prazo ós órganos fiscalizadores das administracións públicas como o Consello de Contas e outros organismos de control.

Concello con superávit

O Concello de Lugo acabou o ano 2010 con 93.100.000 euros de ingresos e os gastos foron 91.900.000 euros. A cifra presupostada inicialmente tanto para ingresos como para gastos fora de 92.300.000 euros.

O superávit foi de 1.200.000 euros, co que o Concello dispón dun remanente de tesourería de 11.200.000 euros, “parte dos cales adicaranse a amortización anticipada de débeda porque, como xa dixemos máis veces, un dos nosos obxectivos e ir reducindo cada ano a débeda e o conseguinte pago de intereses”, explicou Sonia Méndez.

As contas de 2010 tamén reflicten un aumento da liquidez inmediata do Concello, posto que os fondos líquidos son superiores ás obrigas pendentes de pago, e tamén medrou a solvencia a curto prazo do Concello, concepto que inclúe tanto os fondos líquidos como os dereitos pendentes de cobrar.

En canto ó endebedamento por habitante, mantense respecto a 2009, xa que, aínda que en realidade diminuíu, na cifra final compútase a devolución ó Estado correspondente ó ano 2008.

Escaso financiamento da Xunta

Tocante ás fontes de financiamento, o Concello de Lugo recibiu do Goberno de España máis do dobre de transferencias que da Xunta de Galicia. As transferencias do Estado no ano 2010 foron de 24.300.00 euros fronte ós 10.600.000 euros procedentes da Xunta.

A Concelleira de Economía salientou que “a Xunta está abandonando ós concellos, en particular ó de Lugo, xa que só nos proporciona un 11% do total do noso orzamento, cando a Fegamp cifra nun 30% do presuposto dos concellos o gasto que nos supón exercer competencias impropias, que lle correspondería executar a Xunta de Galicia, para cubrir necesidades básicas da poboación como garderías, axuda a domicilio ou centros de día”.

En canto ós tributos, os ingresos fiscais do Concello de Lugo en 2010 foron de 50.000.000 euros, o que supón 513 euros por habitante, que é unha cifra inferior á media galega, situada en 526 euros. Mentres, o Concello investiu 941 euros por habitante, cantidade que é superior ós 864 euros da media galega de investimento por habitante.

Destes datos tirase a conclusión de que “temos unha fiscalidade por debaixo da media galega e, en cambio, investimos máis por habitante que a media galega”, resaltou a Concelleira de Economía.

Méndez concluíu a súa explicación do balanzo económico de 2010 asegurando que “temos unha situación económica saneada e non é por casualidade, senón porque fixemos unha xestión na que se aplicou o sentido común e se adoptaron medidas, xa desde o 2008, para enfrontarnos mellor á crise económica”.

Primeiro semestre de 2011

Na Comisión de Contas tamén se informou da execución orzamentaria a 30 de xuño de 2011. “Penso que somos das primeiras administracións en cumprir esta obriga de dar conta da execución trimestral e os datos tamén reflicten, neste caso, que cumprimos a estabilidade orzamentaria esixida pola lei, nestes tempos nos que se fala tanto do déficit de moitas administracións, tanto autonómicas como municipais”, manifestou Sonia Méndez.

A Concelleira de Economía explicou que “en Lugo seguimos cumprindo o principio de estabilidade xa que, a 30 de xuño, os ingresos foron de 46.300.000 euros e os gastos de 39.300.000 euros. Fíxose unha previsión atinada de ingresos, a pesar de que a cuestionaran no seu día, vaise cumprindo a previsión de recadación tanto no IbI como no imposto de vehículos, que son dúas fontes de financiamento moi importante para o Concello, e no imposto de construcións, xa que nas licenzas urbanísticas levamos recoñecido o 50% do previsto inicialmente”.

Multimedia

Noticias relacionadas