O Concello de Lugo continúa coa súa política de creación de emprego e aproba as bases para o acceso a catro postos de traballo

Mércores, 07 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as bases que rexerán o concurso para a provisión de catro postos de traballo no Concello de Lugo. O Voceiro Municipal, José Rábade, explicou que estas convocatorias “responden ao compromiso do Goberno Local coa creación de emprego estable e de calidade”.

Así, a Xunta de Goberno Local deu conta da aprobación das bases específicas para o acceso en propiedade de dúas prazas de Xefe de Servizo en materia de consolidación de emprego na área de Muller e Benestar Social e do Servizo de Enxeñería e Vías Públicas Urbanas.

Ademais, aprobáronse as bases específicas para o acceso en propiedade dunha praza de enxeñeiro técnico de obras públicas, en quenda libre, e as bases para a praza de técnico de asesoramento a emprendedores, en quenda de consolidación de emprego temporal.

Noutra orde de temas a Xunta de Goberno aprobou as memorias-programa das áreas de rehabilitación do Concello de Lugo. Nesta ocasión corresponden á fase 11 e 12 do centro histórico (que afectan a 68 e 82 vivendas respectivamente), e á terceira fase do polígono do Sagrado Corazón, actuando sobre 10 vivendas. Rábade explicou que “se aprobou con urxencia en Xunta de Goberno, xa que temos que envialas á Xunta de Galicia antes do 14 de outubro, aínda que a administración autonómica non indicou aínda a consignación para estas actuacións”.

Filtracións no seminario
Por outra banda, o Concelleiro deu conta das últimas novidades sobre os efectos das filtracións de auga no edificio do seminario debido as choivas dos últimos días. Rábade indicou que “esta mañá o equipo de Goberno mantivo unha xuntanza cos técnicos municipais e os responsables da obra para informar aos voceiros dos grupos da oposición da situación”.

O Concelleiro anunciou que o edificio, unha vez garantida a seguridade do mesmo, está a recuperar o seu funcionamento con normalidade. “Desde primeira hora xa está a funcionar o servizo de atención á cidadanía e pouco a pouco estarán a pleno rendemento as tres plantas”.

O Voceiro Municipal explicou que se seguen a avaliar os desperfectos e que se pedirán responsabilidades á empresa polos danos ocasionados ao ter que pechar onte o inmoble durante todo o día.

Multimedia

Noticias relacionadas