Lara Méndez convida en Fitur a Vivir Lugo da man da evolución gastronómica que experimentou a cidade

A rexedora enxalzou a traxectoria culinaria da provincia na presentación dunha nova edición da guía turística ‘…E para comer, Lugo’

 
Mércores, 18 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida en Fitur a Vivir Lugo da man da evolución gastronómica que experimentou a cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou este mediodía en Fitur a gozar da potencialidade turística que ten a provincia e, nominativamente, o municipio lucense a través da súa gastronomía.

A rexedora participou na presentación dunha nova edición da guía ‘…E para comer, Lugo’, promovida pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

Méndez puxo en valor a excelencia do traballo que realiza este sector, “que ten unha pegada moi importante no PIB provincial e desenvolve, por tanto, un valioso papel como dinamizador económico” ao que atribuíu unha “destacada traxectoria durante máis de 50 anos, recoñecida en todo o territorio nacional polo gran sabor de boca que sempre deixa”.

A alcaldesa incidiu en que, ao abeiro da Estratexia Estatal de Recuperación o Concello pulará, este ano, por un Plan de Turismo Sostible baseado precisamente na evolución histórica e cultural que a gastronomía tivo no territorio, ampliando tamén á enogastronomía o atractivo do municipio.

“Unha estratexia que contará coa financiación dos fondos europeos e que resulta ambiciosa en tanto promove un turismo receptivo ás boas prácticas que impón á loita contra emerxencia climática, un turismo que se sinta atraído pola realidade local que a ese respecto lle ofrecemos pero tamén por todas as bondades dos nosos produtos autóctonos, o mercado de proximidade e o bo saber facer hostaleiro lucense”, engadiu Lara Méndez.

Nesa liña, a rexedora fixo fincapé no salto cualitivo que suporá para a cidade a "creación dun centro enogastronómico que será un punto de referencia en Lugo,  pero tamén un revulsivo para toda a provincia, pois nel poremos en valor toda a nosa riqueza patrimonial, tamén a natural e a inmaterial - dende o noso pasado romano, o medieval e mirando xa ao contemporáneo-  para gozar da evolución da cociña, porque como xa é sabido ... E para comer, Lugo", concluíu a rexedora.

Audio

  • Lara Méndez, sobre ‘…E para comer, Lugo’ | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Lara Méndez convida en Fitur a Vivir Lugo da man da evolución gastronómica que experimentou a cidade

Noticias relacionadas